Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Catarse"

Forgoselo, 2024

8ª Chanfaina Lab (13). Estrea: venres, 12 de abril do 2024
Guión, cámara, dirección e montaxe: Aroa Calvo
Sinopse: "As veces unha catarse ven no momento e na maneira que menos o esperas"
Reparto: Pablo Martínez
Duración: 3’ 38’’
Gravado na Serra do Forgoselo dentro do programa da 8ª Chanfainalab



Aroa Calvo (As Pontes, 2004).
Tras estudar o bacharelato artístico no IES Concepción Arenal de Ferrol ingresa na Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde actualmente cursa segundo curso. Dende pequena a Aroa interesoulle o mundo audiovisual e nesta edición atreveuse a facer a súa primeira peza. Tamén é a primeira vez que participa na Chanfainalab.

Aroa animouse a participar na Chanfainalab motivada polas súas inquedanzas artísticas e o seu interese polas artes de todo tipo. Colaborou xenerosamente nas pezas doutros cineastas como en "Xangal, detective paranormal" de Xoán R. Caridad e "A miña cor preferida é o verde" do seu amigo Pablo Rodríguez, mentres identificaba un fío do que tirar: "Ata uns días antes de poñerme a gravar non tiña moi claro que ía facer, as ideas que manexaba nunca chegaron a desenvolverse máis alá. Dúas semanas antes do encontro comecei a atoparme de maneira repetida coa palabra catarse, aparecía en películas e lecturas que consumía. Esta palabra e o seu significado sempre resultáronme moi interesantes e tomeino como un sinal para facer a curta sobre isto. Dende o primeiro momento souben que quería transmitir a miña visión persoal do concepto de sufrir unha catarse. Ao meu parecer as persoas sufrimos catarses moito máis a miúdo e con moita máis facilidade da que pensamos e isto mesmo quixen reflectir".

"Catarse" é unha curta singular e que representa o nacemento dunha nova cineasta con mirada propia na nosa contorna: "Para min a peza é unha limpeza interior e as metáforas visuais que decidín utilizar para transmitir esta idea foron a auga e o vento. Tamén quixen que o resultado permitira unha interpretación moi libre para que cada espectador a levara ao seu significado persoal. Penso que a peza pode considerarse como cine experimental. En xeral o resultado final é o que tiña en mente dende o principio e aínda que melloraría algo a montaxe, en xeral estou contenta co resultado final para ser o meu primeiro traballo audiovisual". Aos seus 19 anos, Aroa tenta transformar as súas sensacións no Forgoselo ou no Xuvia en imaxes visuais ou sonoras, unha proposta aparentemente sinxela, mais cos recursos expresivos e achados propios dunha obra madura. Así é como nace unha cineasta que -sen dúbida algunha- terá un longo percorrido. Parabéns Aroa.
Fotografías de César Galdo

  • "Catarse"

  • Aroa camiñando pola Cortiña no inicio da Chanfainalab

  • Aroa Calvo e o resto de cineastas da VIII Chanfainalab

  • Aroa na plantación da árbore conmemorativa da 8º Chanfainalab

  • Aroa na foto oficial da 8º Chanfainalab

  • Aroa na sesión inicial da 8º Chanfainalab

  • Aroa e Cristina Souto na "Eira de cineastas"

  • Aroa na "Eira de cineastas"

  • Aroa Calvo no cinemobil de José Gil

  • Aroa e a súa "lola Chanfaineira"

  • Aroa Calvo e cineastas da 8º Chanfainalab

  • Aroa Calvo presenta "Catarse"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Forgoselo, naturezas, creador@s, ríos, Chanfaina'Lab, vídeos

Autor/a: Aroa Calvo

Compartir en: