Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,
Redo, Lamas, 1
O castro da Croa do Redo – de "redondo"- forma parte dun complexo sistema defensivo da Idade do Ferro, composto por cinco castros que protexen e controlan o Val do Xuvia dende unha altura similar. Tres deles están situados nas ladeiras do Monte Rapadoiro: San Sadurniño, Riboira e Redo, franqueados no suroeste polo Castro Rupiallo, e no sureste polo Castro das Croas de Ramil. Ao norte conta co apoio defensivo dos castros de Bardaos, Escoitadoira e Castrelo xa en Santa Mariña do Monte. (Esquema e mapa en documentos).
Segundo Federico Manciñeira os habitantes do castro do Redo, estarían especializados nas actividades agrarias, mentres que o de San Sadurniño e Riboira, á maior altura, traballarían especialmente na gandería. O argumento que alega o arqueólogo galego é a diferente altura dos tres castros. Mentres que San Sadurniño e Riboira están situados nun elevado outeiro illado, o Castro do Redo ubícase nunha meseta na parte inferior do Rapadoiro, mais preto das veigas do Chao de Lamas con terras óptimas para o cultivo de cereais e frutais; ademais polas súas beiras descorre un regato moi preto do río Xuvia. Os seus topónimos evocan ese pasado agrario: Fabal, Pomar, a Leira, Campón, Sucastro, a Costeira, o Rego, Soutullo, Redondo...
Aparentemente existen poucos vestixios da actividade dos primitivos poboadores do castro do Redo. Restos de terrapléns e muros de pedra arredor do recinto e pouco mais. Manuel Muiño, actual propietario da Croa, aínda lembra a utilización das pedras do muro perimetral na construcción da estrada que pasa ao carón do castro.