O devalar no tempo do traballo: os labores agrarios e gandeiros, artesáns, as feiras, comerciantes e taberneiros: animais , bares e tabernas, emigración, feiras , gandería , labregos e labregas, oficios artesanais, tecidos, o traballo nas hortas datos estatísticos
Ferreira, 2023
7ª Chanfaina Lab (12). Estrea: venres 5 de maio do 2023
Guión e dirección: Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón e Consuelo Picos
Fotografía e montaxe: Fran da Lobeira .
Sinopse: “Catro amigas evocan a súa infancia e mocidade no devalar do tempo”
Duración: 10' 25"
Gravado en Piñeiros (Ferreira) dentro do programa da 7ª Chanfainalab
Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937), veteranas colaboradoras de "Fálame de San Sadurniño", crearon o proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo. Na súa canle de Youtube- arredor de 70 vídeos publicados- dan a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático con preto de un millón de visualizacións e 2.300 subscritores, e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como o "mellor web serie en VO" no Carballo Interplay, "Mellor vídeo-opinarmos" en Youtubeir@s, ou o premio como "mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores", outorgado pola fundación DomusVi. de Madrid, entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede. As cinco mulleres -xa como cineastas- sorprenderon nas anteriores Chanfainalabs coas pezas "Historia do cisne, o atún e a troita", "Boniatos no país do sol poniente", "Electra" e "Decides que o matrimonio".
As mulleres do colectivo de "Teño unha horta" son absolutamente imprescindíbeis para a Chanfainalab: axudan aos cineastas no que faga falta, dende as tarefas de localización e produción ata o reparto e interpretación. De feito podémolas ver noutras pezas desta 7º edición como "Interxeneracional", "Navia", "Espantos e desencantos", "Fíate e non corras" e "Feminino". Sen embargo na Chanfaina sempre andamos pendentes da sorpresa que nos agasallan ano tras ano as nosas cineastas seniors. Nesta edición optaron por lembrar os seus anos mozos: "Este ano foi todo un tanto imprevisto. A idea era facer algo na horta e algunha broma, pero estaba moi mal día entón gravamos ao abrigo, e foi todo o que nos deu de si. A idea inicial era contar cousas da nosa vida. Todas aportamos propostas diferentes das que xa foramos falando ao longo do tempo. Ao final decidímonos por rememorar o tempo no que fomos novas porque a vida avanza, pero pérdense moitos valores polo camiño. O resultado só chegou a ser unha mínima parte do que nos tiñamos proposto. Todo o vivido daría para facer unha ou varias novelas co que nós levamos vivido. Mais en resumo, pretendemos transmitir ás persoas de hoxe que para ser feliz non é necesario ter moitas cousas; hai que conformarse co que un ten, ser humilde e saber respectar aos demais".
"Cando eu era nova" é un documental coral no que as vivencias e as palabras recobran o papel principal da historia. Elas e o devalar do tempo lembrado son as protagonistas absolutos desta peza tan persoal: "Que queríamos transmitir? Pois iso, como foi a nosa vida. Fixemos esta curta coas nosas vivencias, para que a xuventude de agora vexa, que as cousas non caen do ceo, hai que colleitar na terra, para que de froito, respectar aos pais e ós mestres, vivir con humildade e honradez, afastar a envexa, e manter conformidade co que temos. Tivemos unha vida difícil, aínda que fame non pasamos, porque na casa sempre tiñamos caldo, leite, tortilla e de vez en cando, carne de porco; así e todo, fomos felices porque se compartía todo. Hoxe a xente nova non o fai". Esta é a lección optimista que nos propoñen as nosas cineastas máis veteranas: aínda que recoñecen a dureza do tempo vivido no seu devalar, todas elas sentiron tamén o recendo da felicidade cando eran novas.
Fotografías Cesar Galdo.
Temas: animais, Chanfaina'Lab, creador@s, escola, familias, Horta de Maruxa, Horta de Carmiña, Horta de Cruz, Horta de Consuelo, Ferreira, festas e romarías, gandeiría, labregos e labregas, muller, nenos e nenas, traballos, vídeos
Autor/a: "Teño unha horta"