Rubén Coca, (Ferrol 1977). Licenciado en comunicación audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid, Rubén desenvolveu unha prolífica traxectoria como creador e promotor na música e o audiovisual galego. Comezou a realizar curtametraxes aos 21 anos. “La vida mata” (1999), "El fruto del tedio" (2000), “Aquí no hay playa” (2001) e "NotamotoF", que acadou unha grande difusión en máis de 50 festivais internacionais. Así mesmo traballou para TVE, Canal 9, TVG e a empresa Nezcom coa que produce numerosos spots e videoclips. En 2007 realiza a peza experimental "Ecos/Echoes" (2007), "La princesa Alegría" (2008), (premio Mestre Mateo) e "Mínimo común múltiplo" (2008). No 2009 produce a primeira curta de animación, "La niña que tenía una sola oreja" (2009), acadando máis de 15 premios nacionais e internacionais e seleccionada en 70 festivais por todo o mundo. En 2010 co-produce xunto a Carlos Alberto Alonso a longametraxe documental "Roger de Flor: naturalidade silvestre", nominada ao Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Dende 2007 compaxina o audiovisual coa xestión e dirección de eventos culturais e cinematográficos a través de "Artyc Content" e como director de programación da sala de concertos "Super 8" de Ferrol.
Dende a primeira edición da Chanfainalab, quixemos contar coa presenza dun dos cineastas máis sobranceiros de Ferrolterra. Rubén coñece ben o noso territorio, pero levaba varios anos centrado na súa faceta de promotor e produtor musical, aínda que tiña no corazón a ansia por recuperar de novo a creación audiovisual: “A verdade é que levaba varios anos organizando espectáculos e concertos ou xestionando a sala Super 8 de Ferrol e nunca tiven a ocasión de achegarme ate Sansa. Por iso, a experiencia da Chanfaina supuxo tamén un reencontro comigo mesmo, ademais de poñerme a proba. Inspireime en principio na canción "Show Me The Rain" dun grupo local que adoro dende hai anos: a banda de San Sadurniño, Sandford Music Factory. A peza pretende representar as vivencias do día a día por mor da perda dun ser querido en formato de videoclip. Despois, estando xa en Sansa, o son das campás da igrexa de Santa María inspiroume para rexistrar as badaladas como unha metáfora de que a vida continúa tamén día a dia a pesares de todo. A ollada aos ecos dunha vida que non existe e está preto de perderse na memoria e as campás que resoan dentro de cada un de nós e os sons que rexen o devalar cotián da veciñanza nos espazos comúns".
"Badaladas de vida e morte" resulta unha peza evocadora, ateigada de melancolía que fala das músicas e das campás, ambos ademais como caras dunha mesma moeda: a ficción con actores coñecidos e o documental que pon luz sobre o traballo do campaneiro de Sansa, Xesús Rivas. “A música, o tic tac e os sons das badaladas son os fíos que unen a ficción coa realidade: o que vemos e o que perdemos. A nivel formal fun directamente á representar a idea básica coas imaxes, de xeito lineal, sen artificios formais e cos menores recursos posíbeis. Penso que está ao alcance de calquera espectador/a". Esta é unha peza fermosa e orixinal, ateigada de suxestións sutís que nos ofrece a partes iguais lirismo e memoria a partires da melancolía da perda. Semella que Rubén Coca está en plena forma.
Fotografías de Cesar Galdo
"Badaladas de vida e morte"
Rubén Coca na exposición sobre "O bosque animado"
Rubén Coca e @s chanfaineir@s na presentación da VII edición.
Rubén Coca na presentación da VII Chanfainalab
Rubén Coca e a deusa Navia
Rubén Coca na plantación da árbore conmemorativa do VII Chanfaina Lab
Rubén na foto de familia da VII Chanfainalab
Rubén Coca na "Eira de cineastas"
Rubén Coca na procura de inspiración
Rubén Coca na VII Chanfainalab
Erika Seven, actriz de "Badaladas de vida e morte"
Rubén co seu reparto: Erika Seven e Fran Nogueira
Rubén no xantar da VII Chanfainalab
Rubén no xantar da Chanfaina
Cruz Piñón e o actor Fran Nogueira
Rubén Coca na despedida da Chanfainalab
Rubén na gala da Chanfainalab
Rubén Coca presentando "Badaladas de vida e morte"
Público na Casa da Cultura na gala da Chanfainalab
Rubén Coca na foto de familia na gala da VII Chanfaina Lab
Rubén Coca presenta a curta "Badaladas de vida e morte"