Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Avelino López Sisto, alcalde

San Sadurniño, 1924

Alcalde de San Sadurniño 1924-1928
Avelino López Sisto nace en 1883 dentro da saga familiar dos López-Sisto. O seu pai foi Andrés López Pouso (1837-1929), comerciante, mais tamén ex-concelleiro, delegado de facenda (1891), xuíz municipal (1902) e recadador municipal (1923). A súa nai era Jacinta Sisto Romero. Posiblemente a tradición migratoria familiar provocase a súa marcha a Cuba moi novo, mais retornará en 1902 para facer o servizo militar, regresando a Cuba. Casou con Virginia González García coa que terá dous fillos: Sabina e Avelino López González. Ao parecer, pasaba longas tempadas na Habana atendendo negocios familiares.
Tras do golpe militar de Primo de Rivera en setembro de 1923, remudouse por imperativo militar toda a corporación de Fernández Pita e nomeouse alcalde a Manuel García Fernández. Mais catro meses despois, o 20 de febreiro de 1924, persoase no Concello Ramón Lamela, delegado Gubernativo da Ditadura de Primo de Rivera, quen procede ao cese dos concelleiros e do alcalde, nomeando unha nova equipa de goberno. Nun primeiro momento, o elixido foi o industrial de Cornide José Mera Campos, mais alegará incompatibilidade co cargo de suplente de fiscal municipal. Así pois, o 2 de marzo de 1924, Avelino López Sisto, sen experiencia previa na xestión municipal, será nomeado alcalde de San Sadurniño aos 41 anos. Daquela é o vicepresidente do partido do ditador, "Unión Patriótica" .Avelino ven acompañado por unha amalgama de homes respectábeis, ex-concelleiros de etapas anteriores, labregos adiñeirados, emigrantes retornados, propietarios, industriais e comerciantes conservadores de "familias respectábeis" do concello: o experimentado Francisco Mera Hermida, 1º tte alcalde, ( Ferreira); José María Rodríguez González, 2º tte alcalde (Lamas); o veterano José Yáñez Pena, (Igrexafeita); o comerciante Evaristo Gil Fontanes, (Monte); José Díaz Rodriguez, Pedro Álvarez Romero,(Bardaos); Manuel Anca Fernández; o empresario José López Torre (SS); José María Díaz; Vicente Novo Blanco; o retornado Gerardo Fernández Pita (SS); José Sanjurjo Casal, (Bardaos); Ángel González Castrillón, (Lamas); e un concelleiro corporativo por La Moralizadora que será o incombustíbel Francisco Torrente Vigo, (Naraío).

Avelino mantén no cargo de recadador municipal ao seu pai Andrés López Pouso aínda que “por edad avanzada”, "traspásalle" o posto ao seu propio irmán Antonio López Sisto; tamén dalle outro cargo ao sobriño Senén Lòpez Loureiro; mentres que o cargo de xuíz municipal vai para outro irmán, Manuel López Sisto. Ao tempo, o secretario municipal José María Pita contratará ao seu propio fillo Edelmiro Pita -tamén sobriño político do alcalde- á conta da mancomunidade con Valdoviño; Avelino López Sisto será o cuñado do alcalde Faustino Loureiro, tío político do alcalde Faustino López (1940-1941) e tío do tamén alcalde Cesar López (1979-1983). Asemade, o seu cuñado Angel García Fernández xa fora alcalde de 1906 a 1909. Pódese dicir que Avelino López Sisto está moi ben "relacionado".
No primeiro ano do mandato chegan directrices de Madrid para constituír en San Sadurniño o partido Unión Patriótica, o único partido legal permitido baixo da ditadura de Primo de Rivera e que agrupaba aos sectores mais conservadores da dereita social-católica. Será Avelino López quen poña en marcha o partido en San Sadurniño e a tal fin convocará oportunas xuntanzas no propio concello. O seu Presidente será o retornado Matías Fernández Murias, mentres que o seu irmán Antonio López Sisto será o Vicesecretario do partido.
Si algo se incrementa na Corporación municipal nestes anos é o fervor patriótico e monárquico: en xaneiro de 1925 acórdase " honrarse nombrando a S.S.M.M. Alfonso XIII y Victoria Eugenia alcalde y alcaldesa honorarios de San Sadurniño y que en representación de este ayuntamiento vaya a Madrid el alcalde del municipio para asistir a un acto de homenaje a Alfonso XIII el día 23 de enero de enero, junto con un representante del partido U.P. a gastos pagos por el Ayuntamiento". Mais o fervor monárquico poñerase en evidencia coa recepción multitudinaria aos Reis de España na tardiña do 23 de setembro de 1927 no que bandas de música e adornos varios custaron ás arcas públicas 700 ptas do orzamento municipal. O aliñamento a prol da Ditadura militar fica patente nunha acta de febreiro de 1925 onde o goberno municipal declara: “Rendir al directorio militar el más cordial y entusiasta homenaje de salutación y adhesión inquebrantable, deseando que este testimonio de debida e imperecedera gratitud, le sirva de aliento en el enorme esfuerzo realizado para proseguir la patriótica cuando enaltecedora y magnifica empresa de la salvación de España Tributar el más respetuoso y cordial saludo al valeroso y heroico ejército que en estas horas está combatiendo en Marruecos en defensa de la santa causa de la civilización humana y rendir la más grande veneración a los invictos soldados que han perecido y entregado su preciosa vida por la patria en las áridas tierras de Marruecos”.

Mais tamén son tempos de certa bonanza económica. Podemos topar unha magnífica descrición de San Sadurniño nestes anos no artigo que Uxío Carré Aldao escribíu para a “Geografía General del Reino de Galicia”. O orzamento municipal pasou de 35 300 ptas en 1925 a 41.026 no 1928. Mais o diñeiro vaise nun dos problemas endémicos do concello: os camiños e as comunicacións. Os constantes desbordamentos dos ríos no inverno de 1926 fan obrigatoria a reparación urxente das ponte da Ferreiroa, Ramil, Pereira, Pielas, Ribera de Arriba e Amido. Outra das reivindicacións desta corporación serán as feiras. Mércase unha báscula para pesar o gando e reivindícase a súa continuidade ante o anuncio oficial de "racionalizar las ferias". “Las dos ferias se celebran con una tradición antiquísima que ya no se recuerda”.

O problema das escolas tamen segue a ser un dos males atávicos do Concello. En 1925 colócase a primeira pedra da Escola da Seara construída polos emigrantes de Ferreira nun solar cedido pola Marquesa. A mesma Marquesa decide construír un Colexio de monxas ao carón do Convento do Rosario, moi preto do Pazo. O Concello en pleno agradecerá a cesión cando en sesión de 17 de xuño de 1927 cualifica como: “hermoso acto que ha de realizarse al colocar la primera piedra para un edificio que la Excma Duquesa de la Conquista proyecta construir en San Saturnino al iniciar las obras de un colegio para las Madres de Cristo Rey en un sitio adecuado cercano a su palacio; queremos tributar el mas profundo agradecimiento a la Duquesa de la Conquista por su probada generosidad al realizar tan meritoria obra en beneficio de la cultura publica, obra enaltecedora de las acreditadas virtudes que adornan el alma de tan caritativa dama, cuyo grande amor por este pueblo es evidente. La corporación asistirá al acto”. Tamén proxectouse crear unha mancomunidade con Valdoviño, unha teima persoal do secretario José María Pita (natural de Lago-Valdoviño) que será rexeitada pola corporación posterior de Faustino Loureiro..
Mais Avelino López Sisto terá que dimitir inesperadamente o 13 de setembro de 1928 “`por trasladarse a La Habana por tiempo indefinido. La corporación acordó mostrar el gran sentimiento que le produce la referida renuncia y otorgarle el más expresivo voto de gracias e imperecedero afecto”. Faráselle unha homaxe-xantar de despedida o 15 de setembro de 1928 na casa de comidas de Antonio Saavedra.
Avelino López retornou coa chegada da República, mais falecerá o 4 de outubro de 1931 aos 48 anos de neumonía.

  • Avelino López Sisto, alcalde

  • Despedida de Avelino 20/9/1928. Pueblo Gallego

  • Visita a Madrid

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente, emigración

Compartir en: