Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Ángel García Fernández, alcalde

San Sadurniño, 1906

Alcalde de San Sadurniño 1906-1909
Ángel García Fernández naceu en 1864. Era fillo de Benito García (natural de Arzúa) e Josefa Fernández (de San Sadurniño). Casou con Vicenta López Sisto (1873-1960), da Saga dos López Sisto. Tiveron nove fillos: Ángel, María, Albina, Ángeles, Adelina, Antonio, Enrique, Elena e Pilar García López. Vivían en Agra.
Ángel entrara na corporación municipal con Antonio Cibreiro, e deseguida foi nomeado tenente de alcalde. Seguindo a tradición dos López Sisto, probablemente pasara algúns anos na emigración. A prensa da época o definiu como: "hechura del Sr Marqués de Figueroa"
Ángel García Fernández toma posesión como alcalde o 1 de xaneiro de 1906 aos 41 anos, substituíndo ao seu amigo e camarada Antonio Cibreiro. Na corporación estaban moitos dos vellos compañeiros que “tomaron” o Concello en 1894 da man de Antonio López: Juan García Varela, 1º tte alcalde, (Igrexafeita); Ángel González Castrillón, 2ºº tte alcalde, (Lamas); Juan García Anca, síndico; Vicente Durán Santoalla; Juan Hermida Lamas (Ferreira-Carambelo); Antonio Fernández Anca; Jesús Pena Fernández; Luis Pérez Fernández; Manuel Romero Merlán, (San Sadurniño); Manuel Cibreiro Pérez (Monte) e Tomas Cobelo Fernández. Manuel Couce Couce, En 1908 entraron como novos concelleiros: Antonio Graña Yañez e Vicente Durán Santalla;
Lembremos que esta corporación municipal tiña un forte sesgo conservador, agravado pola militancia proactiva de Eugenio Bañobre del Río -secretario municipal de 1900 a 1910-, no Partido Conservador e quen que non deixará de significarse sempre que teña ocasión. Por outra banda, en San Sadurniño o “cacique político” segue a ser o mesmo de sempre: Juan Bautista de Armada y Losada, Marqués de Figueroa ao que non se deixa de agasallar unha e outra vez durante estes anos. Será esta corporación quen reciba entusiasticamente ao político madrileño en setembro de 1906 cando recale na xira entre os votantes do “seu” distrito de Pontedeume. En San Sadurniño inaugura a avenida co seu nome "Marqués de Figueroa”, acordada nun pleno celebrado en xullo de 1906. Tamén enviaralle un telegrama de felicitación cando o goberno de Maura o nomee Ministro de Gracia e Justicia (1907-1909). O propio político aristócrata respostará cun lacónico “Gracias mil a ese ayuntamiento por cariñosa felicitación” (28/2/1907).
Como bos conservadores, o concello manterá asemade unha militancia activa a prol da monarquía, condenando o atentado da voda de Alfonso XIII e Victoria Eugenia e felicitándose “por salir ilesos” (4-6-1906); o 16 decembro de 1907 envíaselle un álbum artístico a Alfonso XIII "con motivo de su enlace con Victoria Eugenia"; ou botan a casa pola ventá co gallo da visita a San Sadurniño de Isabel de Borbón en xullo de 1906: "que una comisión la salude en nombre del pueblo y reciba dignamente celebrando solemnes festejos que serán costeados por el municipio" con 106 pesetas de orzamento público; e por suposto coas 383 pesetas gastadas na segunda visita do Rei Alfonso XIII en 1909, para a que se constrúe un arco de trunfo e contratan músicos da banda de Ortigueira ou a condea da insurrección de Barcelona na Semana Tráxica que comezara o mesmo día que Alfonso XIII e o presidente Maura estaban en San Sadurniño: "Solemne protesta del ayuntamiento y el disgusto que le embarga por los actos de barbarie y salvajismo cometidos por gente desalmada en una región que se denomina culta y en la que impera la anarquía y felicitar al gobierno por la energía con la que se ha procedido a reprimir tales desmanes"(Sesión de 3/8/1909).
A corporación agradecerá a intermediación dos Duques da Conquista para resolver pequenos problemas do pobo. Por exemplo a suba de categoría da escola de San Sadurniño, a instalación provisoria dunha oficina de telégrafos que funciona só durante o verán, coincidindo coa estadía dos marqueses no Pazo (18-9-1909):. "El 18 de agosto de 1909 se ha instalado una estación telegráfica para servicio público. Robustiano Seco facilitó un local por tres meses". É de supoñer que o alcalde frecuentaría o remozado Pazo da Marquesa durante o seu mandato, agasallando oportunamente ás numerosas visitas de aristócratas madrileños de 1907 e 1908, entre eles o Infante Fernando de Orleans. Nunha sesión municipal decidiuse denominar “Avenida do Marques de San Saturnino" á rúa que construíu José Mariano Quindós para dispor dun doado acceso ao pazo en carruaxe dos selectos invitados do Pazo.
A pesares da boa relación da corporación municipal coa política dominante daquel tempo, poucas melloras se viron no Concello neses anos, agás algunha reparación de urxencia nas pontes de "Ferreiroa" e a "Marquesa" e a construción dos postos de venda no campo da feira e unha ampliación dos días de mercado ao 17 de cada mes en 1906. En novembro dese mesmo ano unha epidemia de varíola poñerá en alerta bermella ao concello evidenciando a nula calidade sanitaria de veciños e veciñas. Tampouco a situación escolar mereceu atención especial por parte da corporación municipal. Algunhas escolas estaban abandonadas segundo denunciaron veciños de Lamas e Igrexafeita durante o primeiro ano de mandato do alcalde.

Mais a militancia conservadora pasaralle factura ao mandato de Angel García. Durante 1907 comeza a organizarse a oposición aos "caciques del Ayuntamiento". O industrial Luís Loureiro Pita acaudilla a rebelión e axiña creará a Asociación agraria "La Moralizadora" que agrupa a case 700 pequenos propietarios labregos e algúns comerciantes locais como Fernández Pita e Ángel Pouso (Lamas), descontentos cos tributos municipais. Contarán co apoio dalgúns persoeiros liberais do pobo como o notario García de Quevedo. En vinganza, o Concello propón deixar en suspenso o contrato municipal de aluguer dunha propiedade de Loureiro onde se instalara hai 10 anos o posto da Garda Civil e que vence a finais de 1908: “por las perjuicios que los frecuentes alojamientos que tienen la obligación de alojar a la fuerza de la guardia civil cuando vienen por razones de servicio a esta localidad . (Sesión de 27/7/1908). Así pois, o goberno municipal de Ángel García propón que que se elimine o pago do aluguer, aínda que supoña que San Sadurniño fique sen Garda Civil. Tamén o concello en sesión de 21 de decembro de 1908 denuncia á "Moralizadora" de Loureiro: "fue fundada para satisfacer ruines pasiones derivadas de rencillas políticas y personales y aun por egoísmo bien públicamente demostrado de querer ser jefe de una agrupación o sociedad constituida en este distrito que, disfrazada de regeneradora, no solo sirve para explotar a incautos, sino para simular en las oficinas de la provincia lo que no ha pretendido ni trató de pretender, esto es, el deseo de obtener el arriendo (de impuestos de consumos) con el propósito de favorecer a los habitantes de este distrito".
Porén, nas eleccións municipais celebradas en 1909 o movemento Solidario arrasa, provocando unha profunda remuda da corporación municipal. Na última sesión celebrada o 27 de decembro de 1909 os concelleiros saíntes agradecen a xestión de Ängel García: "El ayuntamiento tiene mucha satisfacción con que se ha visto el proceder del alcalde el tiempo que estiuvo al frente del mismo". A nova corporación presidida polo labrego José Naveiras fará unha limpeza profunda e mesmo tentará despedir a Ángel García que sigue como concelleiro na oposición. Mais morrerá o 4 de decembro de 1911 de bronconeumonía aos 47 anos en Agra.

  • Ángel García Fernández, alcalde

  • Nome rúas "Marqués de San Saturnino" e Marqués de Figueroa" (xullo 1906)

  • Epidemia de viruela en Naraío (Correspondencia gallega 1.11.1906)

  • Nova feira no campo da feira (1906)

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: