Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Correlo, Naraío, 1931
Ángel Carregado Felgar, naceu o 31 de decembro de 1883 en Naraío. Era fillo de José Carregado e Balbina Felgar. Segundo conta a súa familia, parece ser que era un auténtico manitas: "O oficio era múltiple: carpinteiro, albanel, reloxeiro, xoieiro... non sabemos onde aprendeu, pero o tema da enxeñería dábaselle moi ben". En febreiro de 1915 o concello presidido por José Yáñez Pena encárgalle o arranxo completo da cociña e comedor da escola de nenas de San Sadurniño por 680 pesetas.
Como moitos labregos inquedos do seu tempo, Ángel participaba na xunta directiva da Asociación Agraria "La Moralizadora" en 1916 e 1931. Mesmo chapurreaba algo de esperanto, o que quizais indica un certo contacto co anarquismo de comezos do século XX. Estivo afiliado á ORGA, integrada no 1934 en Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña. Casou con Estrella Campos, mais tiveron unha soa filla chamada Benita Carregado Campos.
Nas trascendentais eleccións municipais de abril de 1931, con 48 anos, Ángel Carregado saíu elixido como concelleiro na flamante corporación republicana presidida polo ferreirés Vicente Castro Naveiras. Foi escollido polos seus compañeiros como síndico do Concello, o que reflicte a absoluta confianza que tiñan na bonhomía e honestidade de Ángel.
Como representante municipal en Naraío levou a cabo numerosas iniciativas na súa parroquia durante os anos da República (1931-1936). Coa axuda dos veciños, proxectou a estrada que une Naraío con Liñares, a que lle chaman "o camiño novo". Planificouna, xestionou a cesión de terras, trazouna, organizou quendas de traballo... Proxectou tamén a ponte de Pereiras, outro vial de entrada a Naraío, e volveu a organizar aos veciños... O sistema de canles de rego de Landeiras foi outro dos proxectos importantes para a parroquia. Ademais proxectaba e traballaba en múltiples oficios construíndo casas e muíños. Do mesmo xeito que os seus compañeiros de corporación, a súa obsesión era " a de crer que a formación das persoas era vital para sair do atraso económico".
O seu tempo no Concello remata o 26 de xullo de 1936, cando toda a Corporación foi destituída polo exército sublevado. Parece ser que estivo ameazado de morte e quizais por isa razón fuxiu a Coruña, para tentar pasar desapercibido respecto á súa orixe e actividade como concelleiro republicano.
Falece aos 70 anos, o 23 de xaneiro de 1953 dunha neumonía en Correlo, Naraío, na mesma casa que construíu coas súas mans.
En 1996 o octoxenario Manuel García Seijas propúxolle á AAVV de Naraío erixir un monumento e organizar unha homenaxe a Angel Carregado. Cesar Galdo ía a escribir a súa biografía.Mesmo o Concello e o alcalde Contantino Bedoya adheriuse ao proxecto de homenaxe. Ignoramos en qué quedou este asunto.
Mª de los Ángeles Rodríguez Carregado, a súa neta, -e nai de Bruno Casal de Berros do Castro-, evoca a lembranza de Ángel Carregado Felgar.
Temas: familias, Naraío, San Sadurniño (Concello), traballos
Autor/a: María de los Ángeles Rodríguez Carregado