Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"A voz que cala"

Naraío , 2025

9ª Chanfaina Lab (17). Estrea: venres 2 de maio do 2025
Guión e dirección: NaraíoMedia
Edición e montaxe: Brais Varela, Brianda García e Antonio Fraga.
Reparto: Brianda García, Carmen Bouza, Lisardo López
Duración: 5'49"
Sinopse: "Unha moza está atrapada no medo e na desesperación, na procura dunha saída que non é quen de tomar ela soa. A súa mente constrúe unha vía de escape que a separa temporalmente da situación tan difícil que atravesa, creando unha dualidade entre o que é e o que podería ser, entre a imaxinación e a triste realidade. Unha realidade que desgraciadamente está moi presente na nosa sociedade."
Gravado en Naraío e Bardaos dentro do programa da 9ª Chanfainalab



NaraíoMedia é un colectivo creativo formado por Brais Varela (Naraío, 1987), Antonio Fraga (Naraío 1989) e Brianda García (Neda, 1992). Ningún deles ten relación ou se dedica profesionalmente ás artes audiovisuais, mais comparten compromiso e paixón como cineastas non profesionais dende o 2019. Naraío foi ata agora a parroquia elixida para a gravación das catro pezas realizadas: Debutaron con gran éxito na Chanfaina do 2019 con "O Roubo da Droja II"; no 2022 consagráronse no trepidante thriller de terror rural "The porquer" e no 2023 presentaron outro "thriller sobrenatural! "Pedro Chosco" medrando ano tras ano na súa andaina audiovisual.

En cada edición da Chanfainalab sempre andamos expectantes co que vai a sorprendernos o mocerío de Naraío despois do éxito dos seus thrillers rurais nas edicións anteriores. Antonio Fraga aínda botou un cabo nas curtas doutros cineastas como en "Maldito espírito" de Carlos Martinez-Peñalver; mais coa peza deste ano seguen a ser fieis a si mesmos e ao seu estilo narrativo: "A idea naceu da necesidade de dar forma a unha realidade dolorosa que, por desgraza, continúa moi presente na nosa sociedade: a violencia de xénero e o silencio que a rodea. O punto de partida foi a imaxe dunha muller soa, nun coche, marcada polo medo e atrapada pola culpa. A partir desa semente, a historia foi collendo forma arredor da idea do trauma que a protagonista estaba a sufrir. Unha das maiores dificultades foi abordar a temática con respecto e responsabilidade. Non queriamos caer nin na morbosidade nin na simplificación. Por iso, optamos por suxerir máis que mostrar, centrándonos na vivencia interior da protagonista. O equilibrio entre realidade e imaxinación foi clave: xogamos coa ambigüidade de certas escenas para suxerir máis do que se mostra. A voz da nai representa ese fío de vida que, ás veces, é o único que queda cando todo o demais se derruba. Na posta en escena optamos por seguir coa liña que nos representa, escollendo espazos que amosaran o que simboliza emocionalmente o rural para nós e para moita xente da nosa idade. A protagonista acude ás súas raíces, á aldea onde medrou, como un lugar no que refuxiarse e sentirse segura. Respecto á realización, decantámonos por planos cortos e próximos ó rostro da protagonista, compartindo co espectador a súa respiración, os seus silencios e os seus medos. “O que puido ser e non foi” podería ser un bo resumo de A voz que cala. Coma xa é costume nas nosas curtas, apostamos polas mensaxes que deixan unha porta aberta ó espectador, a que sexa el ou ela o que cre a súa propia historia mentres visualiza a curta. “Que lle pasou á protagonista para estar así? Fixo algo malo ou é unha vítima? Será real ou estará a soñar?”; estas preguntas non necesitan unha resposta e pasan a ser cousa da imaxinación de cada un ata o desenlace da curta. O que realmente nos interesaba era o proceso emocional da protagonista, a súa viaxe interna".

"A voz que cala" xoga coas mesmas regras do thriller coas que levan gravando dende o principio, pero ao servizo dunha mensaxe moi actual. Coma sempre, as/os cineastas de NaraíoMedia asumen novos retos, mantendo esa factura visual impecable, edición tras edición. Ise proceso de procura activa nótase nos seus filmes, cada vez máis maduros e cun acabado absolutamente profesional: "Aínda que a esencia de suspense e thriller psicolóxico tan característica de todos os traballos de NaraíoMedia segue intacta, con A voz que cala demos o noso primeiro paso no cine social. Cremos firmemente que o cine é unha ferramenta moi poderosa de crítica e denuncia social, cunha gran capacidade para chegar ás persoas e transmitir mensaxes. Esta curta pretende ser un espello dun gran problema que desgraciadamente está moi presente na nosa sociedade a nivel global, como é a violencia de xénero. "A voz que cala" é unha chamada á reflexión, un reflexo desas voces que queren berrar pedindo axuda, pero que desgraciadamente son caladas, na meirande parte dos casos, por medo a non ser escoitadas". Habilmente contada, cun ritmo dinámico, preciso e sentido da elipse, NaraíoMedia de novo volve a sacarlle un excelente partido aos recursos ao seu alcance; en definitiva representa outro gran chanzo na evolución do colectivo de Naraío. E que veñan moitos máis.
Fotografías de César Galdo.

  • "A voz que cala"

  • Brais, Brianda e Antonio, NaraíoMedia

  • Antonio e Brais na "Eira de cineastas"

  • Brais Varela na 9ª edición da Chanfainalab

  • Antonio Fraga e Ánxela Arnosa en plena Chanfainalab

  • Gravación de "A voz que cala"

  • Imaxe de "A voz que cala"

  • Carmen Bouza e Lisardo López

  • Gravando "A voz que cala"

  • O equipo de NaraoMedia recibindo a Lola Chanfaineira da 9ª edición

  • Antonio, Brianda e Brais presentando "A Voz que cala"

  • Brianda García e a Lola Chanfainaneira

  • Naraío Media con cineastas da 9ª edición

  • Naraío Media ente o público da 9ª edición

  • Equipo Naraíomedia na 9ª Chanfainalab

  • Cartel promocional de "A Voz que cala"

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: conflitos, creador@s, muller, Naraío, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: NarahíoMedia

Compartir en: