Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"A última fonte"

Lamas, 2024

8ª Chanfaina Lab (10). Estrea: venres 29 de marzo do 2024
Guión e dirección: Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón .
Reparto: Puri González, Pilar Bouza, Mariluz Tembrás, Mercedes Chaparro, Araceli Graña, Cruz Piñón, Carmen Couce e Carmen Bouza.
Música: Gustavo Santaolalla. Tema: "The last of us"
Sinopse: “O futuro xa está aquí, diante dos nosos ollos, aínda que non o vexamos. Partimos do pasado para viaxar cara un futuro incerto”.
Duración: 5'36"
Gravado en Lamas dentro do programa da 8ª Chanfainalab



Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Cruz Piñón (Ferreira 1953), Consuelo Picos (Igrexafeita 1945), e Lucita Pita (Naraío 1937), veteranas colaboradoras de "Fálame de San Sadurniño", crearon o proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo. Na súa canle de Youtube- arredor de 70 vídeos publicados- dan a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático con preto de un millón de visualizacións e 2.300 subscritores, e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como a "mellor web serie en VO" no Carballo Interplay, "Mellor vídeo-opinarmos" en Youtubeir@s, ou o premio como "Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores", outorgado pola fundación DomusVi, entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede. Alén diso, as cinco mulleres -xa como cineastas- sorprenderon nas anteriores Chanfainalabs coas pezas "Historia do cisne, o atún e a troita", "Boniatos no país do sol poniente", "Electra", "Decides que o matrimonio" e "Cando eu era nova"

As mulleres do colectivo de "Teño unha horta" son absolutamente imprescindíbeis para a Chanfainalab: axudan as cineastas no que faga falta, dende as tarefas de localización e produción ata o reparto e interpretación. De feito podémolas ver xuntas noutras pezas desta 8º edición como "O pano de seda". Sen embargo, na Chanfaina sempre andamos pendentes da sorpresa que nos agasallan ano tras ano as nosas cineastas seniors. Nesta edición optaron por achegarse ao futuro: "Este ano foi todo un tanto especial e diferente. Queríamos facer unha idea orixinal e actual, porque non deixamos de sorprendernos polo cambio do clima e do mal que vai o mundo, así que propuxémonos levar adiante unha curta de ciencia ficción. Queríamos facer algo distinto. O tempo anda tolo e aínda que non imos vivir ese negro futuro que se aveciña, preocúpanos o mundo que imos deixarlle aos nosos fillos e netos, porque ao mellor teñen que emigrar cara outros planetas. Partimos dunha recreación da Fonte do Fabal e como era a vida no 1924, para viaxar no tempo até o 2124, cun incerto e difícil futuro no que hai que sobrevivir ao límite, como se pode, porque xa non hai leitugas, tomates ou patacas."

"A última fonte" é unha insólita peza de ciencia ficción moi persoal sobre o cambio climático e a perda do noso presente e pasado, nun mundo sen hortas: "Que queríamos transmitir? Pois iso, que o futuro promete mal. Está máis negro que branco. No sabemos si a xente entenderá a mensaxe que pretendemos lanzar, pero coidamos que non é difícil de seguir. Nós quedamos moi satisfeitas do resultado. Partimos do pasado, de hai cen anos, mediante unhas gafas virtuais, mais logo viaxamos a un futuro que nos obriga a ir armadas e preparadas para a autodefensa, por mor dos perigos que nos axexan nese futuro escuro, onde a humanidade está perdida. A música do final está sacada dunha serie moi popular de ciencia ficción que intenta reforzar a idea que queremos transmitir". De seguro que Maruxa, Carme e Cruz, as nosas bravas cineastas máis veteranas, sobrevivirían nun mundo distópico e sen hortas. Non hai quen poida con elas, pero sobrevivirá daquela a fonte do Fabal?
Fotografías César Galdo.

  • "A última fonte"

  • De camiño á Cortiña

  • As tres na foto conmemorativa da 8º chanfainalab

  • Maruxa, Carmiña e Cruz na foto oficial da 8º chanfainalab

  • "Teño unha horta" na "Eira de cineastas"

  • Cruz, Maruxa e Carmiña na "Eira de cineastas"

  • Vendo a expo da Chanfainalab

  • Maruxa e Carmiña recollendo a "lola Chanfaineira"

  • Publico que peta a Casa de cultura na gala da Chanfainalab

  • Carme Bouza, Maruxa da Laxe falando de "A ulima fonte"

  • As tres protagonistas de "A ultima Fonte " no esceario da casa de cultura

  • Cineastas da 8º Chanfainalab no esceario da Casa de Cultura

  • Rodaxe na Fonte do Fabal

  • Maruxa, Cruz e Carmiña na gravación da curta

  • Gravación na Fonte do Fabal

  • C. Couce, C. Piñón e C. Bouza presentan "A última fonte"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Horta de Cruz, Horta de Maruxa, Horta de Carmiña, Lamas, fontes, conflitos, Chanfaina'Lab, cinema, Pazo da Marquesa

Autor/a: "Teño unha horta"

Compartir en: