Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

patrimonio

Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,

A lenda do Pico de Ferreira

Pico de Ferreira. Ferreira , 1

Pico Ferreira é un dos fitos paisaxísticos e máxicos do concello de San Sadurniño. Créese que dende o inicio dos tempos foi un espazo referencial sagrado para os habitantes dos "castros do seu redor" e o val de Xubia. No cumio podían observarse até a década de 1950 un amplo número de cazoletas ou pías, algunhas delas naturais, pero outras con sinais de intervención humana; a máis singular é a coñecida como "Cama de San Vicente", un sepulcro antropomorfo sen tampa que aínda se conserva coa cabeza ao oeste e os pés ao leste.
O arqueólogo Luís Monteagudo identificouno como un modelo salientable do que denomina "outeiros". O Pico é un cono case perfecto de 355 metros de altura, con escasos exemplos equivalentes no resto de Galicia, entre os que destaca Pico Sacro (preto de Santiago). O arquitecto paisaxista portugués Ilídio de Araújo o describe así: "O altarium (outeiro) era geralmente unha colina ou alto sobranceiro ao assento da vila ou casal, e escolhido para nele se erguer a ara ou altar destinado a depositar as ofrendas ás divindades protectoras dos moradores e bens da vila ou casal, e em torno do cal se celebravam os actos litúrxicos em honra das mesmas divinidades”.

ESPAZO SAGRADO
Así pois, podemos deducir que “O Pico” foi lugar sagrado ao longo de moitos séculos; unha "institución” socio-relixiosa, xurdida na Idade do Bronce de culto precristián que, no devalar do tempo, sufrirá novas influencias, en principio toleradas e respectadas polos romanos, até que a Igrexa impón o imperio do cristianismo. No cumio de Pico Ferreira existiu un santuario ancestral, onde tiveron lugar ritos e cultos ao longo dun dilatado período de tempo. O primeiro ronsel da cristianización será unha pequena igrexa no cumio dedicada ao protomártir San Vicente (século IV). Pola contra, a igrexa de San Paio (século X) no val da Seara será moi posterior, cando a devoción polo mártir tudense se espalle no Reino de Galicia arredor do ano 1.000. Un documento de 1095 acredita xa a existencia dunha pequena igrexa na Seara adicada a San Paio e vendida ao mosteiro de Xuvia por un “cabalo de cor baio”
Ambas igrexas aínda estaban en pé no ano 1125 , cando foron doadas “con todo o que a elas pertence” ao mosteiro de Xuvia polo seu propietario, o gran señor feudal Pedro Froilaz. Aos poucos, o mosteiro reorganizará a actividade das dúas igrexas, prevalecendo o culto a San Paio no lugar da Seara e que dará nome definitivo á parroquia. A milenaria capela de San Vicente no Pico Ferreira foi esmorecendo co tempo.
AS LENDAS DE SAN VICENTE E SAN PAIO
A competencia entre ambos santos desenvolverá un feixe de contos e lendas sobre as relacións entre o vello San Vicente encadeado (século III) e o moderno San Paio . A historia que nos conta Cruz Piñón ten polo tanto unha base real:



PERVIVENCIA DOS RITOS PAGÁNS
Mais as tradicións paganas perviviron no curuto do outeiro a través de sorprendentes ritos célticos que se celebraban cada 25 de maio no cumio do Pico, poñendo velas nas quebras e fendeduras da "cama do santo". Ao cume acudían enfermos de distintas doenzas -de moas, verrugas, feridas, etc-. A tradición era dar cinco voltas arredor do sartego mollando a parte dorida do corpo na auga da choiva depositada na pía. Outra tradición era a de introducirse no sartego de pedra para acougar as dores de ouvidos e moas. Tamén levábanse animais ou se cantaba un ritual para convocar ao santo pedindo a curación:
"Ai, San Pelaio, San Pelaio
ai San Pelaio vendimino
dáme o ben para o maio
que eu traereiche o meu trigo"


O SÉCULO XX
Mais o devalar do tempo foi estragando as vellas tradicións. Sabemos que se mantiñan vivas no 1924 por un emotivo artigo de Bernardino de Lamas, no que se acredita a primeira filmación da que se ten noticia no concello de San Sadurniño. Unha fotografía aérea de 1956 amósanos o Pico completamente desarborado. Nenos e nenas de Ferreira subían até aló para gozar coas fermosas vistas.
O alcalde franquista Santiago Secada tivo a idea de erguer alí un "mirador panorámico". O propio ministro de Información e Turismo, Pío Cabanillas, visitou o lugar en 1974 prometendo achegar recursos para construílo, así como unha estrada ao curuto do Pico rematada a finais de 1975. Mais até febreiro de 1977 non finalizaron as obras do mirador. No artigo "Misterio no Pico de Ferreira", publicado na revista "Pumariño" deron conta que no decurso das obras de explanación salvaxe do cumio apareceran muros de edificios ademais de tégulas e un muiño de man. Todo ficou deturpado, "amosando así a nosa gran cultura".
Pico Ferreira tamén aparece formando parte da mítica Terra de Escandoi de Ramón Loureiro.
Na 2º Chanfainalab (2015) o colectivo "Con Suma Conciencia" actualizou a lenda na curtametraxe O meigo mouro do repetidor". No 2025 a Chanfainalab escolleu o Pico Ferreira como imaxe da súa décima edición, polo seu valor patrimonial e relevancia na cultura inmaterial do concello de San Sadurniño..

  • A lenda do Pico de Ferreira

  • San Vicente encadeado

  • Paisaxe dende o Pico Ferreira

  • Vista dende o Pico de Ferreira

  • Ruta do Pico de San Vicente de Ferreira

  • Pico Ferreira en 1956

  • Xisela Franco no Pico Ferreira

  • O maxestuoso Pico Ferreira

  • Vista desde a pena, ao fondo Pico Ferreira

load

Documentos:

Misterio do Pico de Ferreira (1977)
As tradicións célticas do Pico San Vicente (1999)
"A cama do santo". La voz de Galicia 18-8-1998
Visiones cinematográficas. El Correo Gallego. 7 de xullo de 1924.

Comentarios

Máis imaxes

Temas: castros, Ferreira, lendas, naturezas, patrimonios, igrexas parroquiais, Alcaldes de San Sadurniño, conflitos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Fotógrafo/a: Carmen Suárez

Vídeos:
“O meigo mouro do repetidor”

Compartir en: