9ª Chanfaina Lab (5). Estrea: venres 21 de marzo do 2025
Duración: 7' 20''
Dirección, guión e montaxe: Fernando Cortizo
Produción: Isabel Rey
Equipo de produción: Fran da Lobeira, Ángela Arnosa, Carmen Suárez, Lucía da Lobeira, Noelia Cabarcos
Reparto: coa participación de 46 veciños e veciñas de San Sadurniño
Sinopse: "Hai historias que os pobos prefiren esquecer, sucesos que se transforman en lendas, pero que por moita terra que lle boten enriba , rematan por aparecer de novo, antes ou despois. Esta é unha desas historias."
Gravado nas parroquias de San Sadurniño, Monte, Naraío e Igrexafeita dentro do programa da 9ª Chanfainalab
Fernando Cortizo (Santiago, 1973). Dirixiu a primeira curta aos 19 anos, pero daquela non existían centros de formación audiovisual, así que decantouse por outra das súas paixóns, os animais, estudiou Veterinaria, exercendo varios anos a profesión de médico dos animais. No 2017, xunto con Isabel Rey, montou a produtora Artefacto Producciones na que desenvolveu numerosos proxectos ate hoxe, nomeadamente no ámbito da animación, publicidade e documental. Con “O Apóstolo” conseguiu realizar a primeira longametraxe de animación stop-motion estereoscópica rodada en Europa, sendo nomeada aos Goya, a preselección aos Óscar e xa na casa, seis premios Mestre Mateo, incluídos mellor director e mellor película. A película tivo un longo percorrido polos mellores festivais do mundo (Moscú, Shanghái, Sitges, Málaga...etc), así como un gran número de galardóns internacionais, entre os que destacan o premio do público en Annecy (Francia), gañador de Animamundi (Brasil), mellor longametraxe en Animpact ( Korea-Xapón), mellor película no Festival de Monterrey (México), premio do Xurado en Fantasporto (Portugal) e outros vinte premios internacionais máis. Na súa filmografía documental, entre numerosos traballos divulgativos, destaca “Terry´s Way,” realizado para o equipo de baloncesto de ACB Obradoiro, o documental “Buscando á Santa Compaña”, estreado en xullo de 2024 no Festival Internacional de cine fantástico de Valladolid e seleccionado en varias mostras e festivais. Actualmente atópase realizando a que será a súa segunda película de animación“Shkid” de produción mexicana e o documental "Vedem", arredor da historia dos nenos no campo de concentración de Terezin (en fase de montaxe).
Fernando Cortizo é un dos valores máis sólidos do audiovisual galego e veu a Sansa cos deberes feitos. Durante as semanas previas mergullouse na documentación histórica de San Sadurniño até que deu co filón que procuraba e escribiu un guión pechado: "Consultei dabondo a hemeroteca da zona na rede, daqueles tempos en que se falaba de "San Saturnino" e no que a vida social da Marquesa ocupaba todas as portadas e atencións xornalísticas a respecto desta vila. De súpeto, e case por azar atopeime cunha truculenta historia de 1904 que incluía roubos nocturnos de gatos, alteración da paz da poboación e un fatal desenlace. A noticia ocupou a atención da prensa durante varios meses no que se facían especulacións e seguíase con interese o xuízo. Con todo elo, decidín recuperar esa historia dándolle ese punto épico e literario co que se crean as lendas e os contos das lareiras. Para poñer en imaxes esa historia, contei con apoio de gran parte da poboación do lugar -46 veciños e veciñas- que colaboraron para reconstruír esta historia, que é súa, e que eu simplemente contribuín a impregnar dun feitío de conto local".
"A gatiñeira de San Sadurniño" é un marabilloso exemplo de como transformar un feito histórico en lenda popular contemporánea. Unha historia verídica, alterada polo devalar do tempo e narrada colectivamente por un extraordinario número de veciñas e veciñas que participaron xenerosamente no seu relato. En si mesmo é un arquetipo de filme participativo e singular que agroma autenticidade e humor retranqueiro: "Finalmente o proxecto transformouse nun mini “Mocumentary” (Un falso documental,….ou non). Interésame moito comprobar como unha historia de ficción apoiada estratexicamente por documentos ou testemuñas reais, transformase na nosa cabeza nun suceso real, e se crea, co paso dos anos, o nacemento dunha lenda local que incluso nuns anos darase como certa (aínda que iso teremos que agardar para comprobalo).O traballo fíxose con moito agarimo, e máis aló dos problemas que ten gravar todo en dous días sen tempo de buscar os mellores entornos e poder ensaiar cos actores, o resultado resultou natural e xenuíno, outorgándolle unha credibilidade que estou seguro a máis de un daralle por buscar a historia nos arquivos e nas hemerotecas". En resumidas contas, ídelo pasar moi ben con esta peza singular e extraordinaria do gran cineasta Fernando Cortizo. Garantimos sorrisos á esgalla.
Fotografías de César Galdo.
"A gatiñeira de San Sadurniño"
Fernando e Isa camiño do castelo de Naraío
Fernando na fotografía oficial da 9ª Chanfainalab
Fernando e Isa na "Eira de cineastas"
Fernando Cortizo, cineasta
Fernando Cortizo en plena gravación
Preparando o plano de "A Gatiñeira"
Unha figurante improvisada
Gravando a "A Gatiñeira"
Fernando Cortizo recollendo a "Lola Chanfaineira"
Fernando Cortizo e participantes da 9ª chanfainalab
Fernando e Isa entre o público da gala da 9ª Chanfaina Lab
Fernando,Carlos Martínez Peñalver e Joel no ambigú da Chanfainalab
Fernando e Araceli Bellas na prantación da árbore da 9ª Chanfainalab