O Casal, San Sadurniño, 1919
A chegada da luz eléctrica a San Sadurniño aconteceu durante o ano 1919. O proxecto técnico foi desenvolvido polo enxeñeiro suízo Matías Wirtz. Comezou construíndo unha presa nas beiras do río Xuvia que surtirá de electricidade e proverá iluminación para uso exclusivo do Pazo dos Marqueses. O 30 de abril de 1919 un grupo numeroso de veciños e veciñas asistiron asombrados á posta en servizo da instalación: "El palacio cuajado de luz clara e intensa, ofrecía un aspecto verdaderamente fantástico que llamó la atención a la numerosa concurrencia que presenció las pruebas".
Na década dos anos vinte varios proxectos tentarán traer a electricidade para uso de veciños e veciñas de San Sadurniño, mais sempre contaron coa oposición dos Marqueses a facilitar a instalación de postes de distribución na súa terras porque, segundo dicían: “A luz non era precisa para os labregos”..
Haberá que agardar 11 anos máis para que ao fin Manuel Orosa poña a funcionar a empresa "Electra de Narahío". Coa empresa de subministro garantido, no verán de 1932 o alcalde republicano Vicente Casto Naveiras dota de electricidade ás instalacións do Concello -cun custe de 100 pesetas- e podemos afirmar que a luz chega definitivamente a San Sadurniño, aínda que para que abranga todos os recunchos das parroquias haberá que agardar ata finais da década de 1950.
Na ilustración, nova no xornal "El Orzán", 6-5-1919