San Sadurniño, 2024
8ª Chanfaina Lab (24). Estrea: venres 17 de maio do 2024
Dirección, guión, cámara e montaxe: Soraya Yáñez
Voces: Lucía Palmeiro, María Luz Soto, Purificación Soto e Sara Yáñez
Sinopse: "7+1, fai referencia ás sete parroquias do Concello de San Sadurniño e ao protagonista da edición, o Forgoselo."
Duración: 3:18’’
Gravado no apeadeiro de FEVE en Lamas, o arboreto galego da Cortiña en San Sadurniño, a Igrexa de Monte, o Forgoselo, o Castelo de Naraío, a festa do San Pipote de Bardaos, o Pico de Ferreira e o lugar da Torre en Igrexafeita, dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Soraya Yáñez, (Ferrol, 1998).
Cando era cativa foise a vivir a Igrexafeita. Está estudando o Grao de Turismo. É unha gran afeccionada ao cinema e ao audiovisual, sendo a primeira vez que participa na Chanfainalab.
Para ser a primeira vez que Soraya participou na Chanfainalab podemos acreditar o activa que se amosou durante o evento, colaborando con outros cineastas no que fose preciso: podemos vela en "O pano de seda" de Kevin Lorenzo; "Changal, detective paranormal" de Xoán R. Caridad ou en "Pedro Chosco" de NaraíoMedia. "A miña idea agromou porque pretendía facer unha peza que incluíra as sete parroquias do concello de San Sadurniño. Cada unha das localizacións suscitaban en min sentimentos diferentes, así que tamén quixen narrar o transcurso da vida a través deles. A principal dificultade foi o son, pois decidín que fora unha simple nota de voz gravada nun teléfono móbil que acompañara ás imaxes. A curta comeza no coche do meu avó materno, un Peugeot 205 que di “Contigo al fin del mundo”, para dar paso ao inicio da historia desde que nacemos -co sanguiño da Cortiña como foco- ata que morremos -ou non, coa árbore que plantou meu avó paterno no lugar da Torre, en Igrexafeita, -que a día de hoxe continúa viva-, como referencia que acompaña á reprodución-, polo que son dous os paralelismos empregados, o existente entre meus avós e o concernente ao arbusto e á árbore. Como espazo sonoro, o elixido foi a reacción da miña irmá á montaxe en vivo e en directo, recollida nun único e exclusivo audio".
"7+1" é a ópera prima da nova cineasta de Igrexafeita e, a pesares da súa curta duración, foi quen de achegar reflexións sobre o devalar da vida dende á súa propia mirada á paisaxe e o patrimonio ciscado polas sete parroquias de San Sadurniño. Pensamos que saíu moi airosa do reto: "aínda que nun primeiro momento a miña intención non era facer algo serio, penso que presenta un ton humorístico que pode provocar no espectador unhas risas. E tamén quedei contenta polo aspecto final de documental capaz de achegar aos espectadores a realidade mediante vídeos e sons, en definitiva de ser como a Chanfainalab, un revolto de cousas diversas". Animamos a Soraya a que continúe atrevéndose a sentir, imaxinar e gravar que a fin de contas son actividades que outorgan sentido a vida. Despois dun debut tan prometedor, agardamos que a súa sensibilidade e sorriso retornen nas sucesivas edicións da Chanfainalab.
Fotografías de César Galdo
Temas: naturezas, paseos, castelo de Naraio, tren, creador@s, Forgoselo, vídeos, Chanfaina'Lab, cinema
Autor/a: Soraya Yáñez