Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Vicente López Fernández, alcalde

Avda. Marqués de Figueroa, San Sadurniño, 1869

Alcalde de San Sadurniño (1869-1872)
Tras da dimisión “por razóns de idade” de Justo Álvarez Sierra en febreiro de 1869, o novo alcalde elixido polos concelleiros será o emigrante retornado Vicente López Fernández.
Vicente López nacera arredor de 1825 nas Somozas, fillo de Antonio López (As Somozas) e María Fernandez (Moeche) no seo dunha familia labrega. Emigrou moi novo e fixo unha gran fortuna en Cuba. Casou con Matilde Balado (Neda) coa que tivo dez fillos: Laureana, Manuel, Elisa Victoriana, Santiago, Ladislao, Florentino, Felix, Victorino, María e Laureano. Asentouse en San Sadurniño onde posuía fincas, casas e un comercio na actual Avda do Marqués de Figueroa.
Debeu estar moi considerado pola veciñanza como home liberal e instruído, con gran experiencia na xestión comercial e de excelente trato humano. A Xunta Revolucionaria de Ferrol nomeouno alcalde coa revolución do 68. Precisamente en abril de 1871 terán unha filla, Elisa Victoriana López Balado, quen casará con José López Torre, dando orixe a saga López Torre.
Vicente López conta co mesmo equipo municipal do seu antecesor que comezara ao abeiro da revolución do 68: Pedro Saavedra Fernández (2º tte alcalde); José Cibreiro Fernández, 1º tte alcalde, (Monte); Juan Montero Alonso (SS); José Díaz Rodríguez; Domingo Seijas Pardo; Vicente Castrillón Mesía (Lamas); Vicente González Fernández, interventor (Lamas); Juan Yáñez López (Igrexafeita); Antonio Novo (Ferreira); José Valentín Beceiro (Lamas); Domingo Luaces Domínguez (Ferreira); José María Castrillón López, síndico (Lamas). Os pedáneos eran: Domingo Pillo Alonso (SS); Marcos López López (Lamas); Antonio López López (Monte); Andrés Díaz Aneiros (Bardaos); José Gato Villar (Ferreira); Francisco Paz Rodríguez (Naraío); Juan Hermida Garrido (Igrexafeita). José Cibreiro Fernández presidirá varias veces a corporación por ausencia de Vicente López -con licencia temporal-, por trasladarse a Cuba para atender seus negocios, agora en dificultades pola Guerra na illa caribeña..

Os dous anos da alcaldía de Vicente López foron moi intensos no plano político. A aprobación da Constitución progresista do 1869 que garantía os dereitos fundamentais, a instauración da monarquía democrática de Amadeo de Saboia, o comezo da Guerra de Cuba, etc. O pais é un fervedoiro e iso nótase mesmo nos libros de Actas neste tempo democrático, onde por primeira vez as voces e intervencións dos cidadáns son escoitadas e debatidas pola corporación municipal.
Porén, a alcaldía comeza recoñecendo o deficit municipal de 2.800 escudos. Vicente López, quen debeu ser avezado organizador e hábil comerciante na emigración, proponse resolver o problema crónico da economía municipal, mais a recente supresión dos impostos de consumos privara ás arcas locais dunha fonte de financiamento e polo tanto volverá a incrementarse o déficit a 15.249 ptas: “Que este ayuntamiento carece de ventas o bienes algunos ni menos en él se puedan poner arbitrios sobre ninguna clase de servicios, obras industrias o aprovechamientos de policía urbana o rural, multas o indemnizaciones”. Pídeselle aos veciños que acudan a regularizar a súa situación coa Facenda local. O único xeito de cubrir o déficit será co "repartimento" da débeda entre todos os veciños: "La imposibilidad de cubrir el descubierto por otros medios en atención a que el municipio se encuentra absolutamente desposeído de bienes de todas clases y así bien de servicios, costeados por cuenta de los fondos públicos ni otro ninguno en que imponer arbitrio alguno reconociendo el distrito en su generosidad como único recurso de subsistencia, los productos de la riqueza territorial de vecinos y hacendados forasteros, puesto que la exigüidad de la de industriales y en su virtual ineficacia de los impuestos de consumos, tan mal se haya permitido, sobre artículos de •comer beber y arder”. Solo el repartimiento vecinal puede cubrir los descubiertos". O alcalde comeza un proceso de xuntanzas coa veciñanza das parroquias para determinar o que lle corresponde a cada contribuínte segundo a súa respectiva cuota de riqueza. Vicente López elaborará un completo orzamento para 1871, o primeiro realizado coa nova moeda española: a peseta. Mais as propostas renovadoras de Domingo López enfrontaranse cos propietarios e comerciantes locais. Aproveitando unha estadía temporal do alcalde en Cuba, o 19 de maio de 1871, un grupo de veciños liderados polo futuro alcalde Domingo Pillo Alonso irrumpen no pleno."sin permiso o autorización previa" para amosar un escrito asinado entre outros por Andrés Díaz Aneiros, Luis Amor, Cayetano Pouso, Ramón Dopico, Hilario Fernández, Manuel Fernández. No escrito acusan ao Concello "de hostigar a los vecinos con decisiones arbitrarias e ilegales". Cando retorne o alcalde Vicente López o 4 de xuño consideran o escrito "como una calumnia en la que que descarada, altanera e imprudentemente se insulta a esta corporación" E o remiten ao xuíz por si é motivo de delito. Días despois os veciños Cayetano Pouso, Manuel Fernández, Manuel Couce, Manuel Azcona e Ramón Dopico volven a presentar outro escrito onde se solicita que se indique exactamente o que teñen que" abonar". Escrito que tamén foi rexeitado "porque todos los repartimientos son públicos".
Tamén resulta interesante o debate sobre os orzamentos que pode ler ao final do documento anexo. José Sisto propón a redución do déficit pechando as catro escolas incompletas de Monte, Naraío, Igrexafeita e Lamas. O alcalde oponse entre outras razóns polo que supoñen de "afianzamiento moral de las libertades conquistadas". Mais perderá a votación e as escolas serán suprimidas coa excusa "por la notoria incapacidad y falta de inteligencia de los maestros y la casi ninguna asiduidad y celo que lo aludidos empleados vienen observando desde hace largo tiempo"
Tamén será esta corporación quen poña en marcha o programa de recrutamento para a guerra de Cuba.
Vicente López abandona a alcaldía despois de eleccións democráticas celebradas en decembro de 1871, aínda que o novo alcalde electo, o veciño de Naraío Nicolás Redondo Lago toma posesión o 1 de febreiro de 1872.
Vicente López Fernández quedará na casa familiar, aínda será xuíz municipal no 1883-1885 e fiscal municipal a finais do século XIX. Falece o 17 de xullo de 1911 á idade de 85 anos de astenia senil..

  • Vicente López Fernández, alcalde

  • Sinaturas da corporación municipal de Vicente López

  • Sinatura de Vicente López

  • Necrolóxica de Vicente Lopez

load

Documentos:

Orzamento municipal 1871

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, emigración, San Sadurniño (Concello), xente, conflitos

Compartir en: