Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Perfecto Calvo Fernández, alcalde

Cornide, San Sadurniño, 1945

Alcalde de San Sadurniño 1945-1949
Perfecto-Serafín Calvo Fernández, naceu en San Sadurniño o 11 de outubro de 1886. É fillo dos labregos Manuel Calvo e Antonia Fernández. Rexentaba un serradoiro, un bar e un muíño en Cornide, mais casou con María Elvira Loureiro Couce (1889-1963), unha d@s catro herdeir@s - con Faustino, Honorina e Vitorina- do rico comerciante Luis Loureiro Pita. Á morte deste en 1921, herdaron un gran patrimonio que incluía numerosos solares rústicos ou urbanos, así como a terceira parte da antiga casa cuartel da Garda civil. Tiveron catro fillos: Antonia, Josefa, Luis e Perfecto.
En 1934, xunto co seu sobriño Avelino López Loureiro (1905-1967) montou un cine mudo no bar da súa propiedade na Avenida Marqués de Figueroa. O mesmo ano aportou 1.000 ptas da época para a construción da ponte da Portela,unha estrutura vital para os seus dous negocios.O Concello republicano aportou as 1.200 pesetas restantes. En 1935 é nomeado fiscal do xuzgado municipal.
No verán de 1936 inscribiuse na listaxe de milicianos baixo o mando da Garda Civil para "garantizar el orden de la Nueva España" no concello de San Sadurniño .
Foi nomeado alcalde con 61 anos polo gobernador civil o 31 de xullo de 1945, substituíndo a Emilio Vigo. Quince días despois, o maquis atentará con dinamita na Central eléctrica de Naraío. Neses días a identificación e represión dos "fuxidos" é a principal actividade das forzas de orde público por toda a comarca. O medo esténdese polas parroquias do concello.
O seu primeiro pleno como alcalde foi o 20-9-1945 coincidindo co final da 2º Guerra Mundial. Os conselleiros que o acompañan son: Aquilino Montero Fojo, Avelino Casal Malde, Arturo Novo Castro, José Soto Piñón, José Sanjurjo Casal, Evaristo Cibreiro Pantín, Pedro Álvarez Romero, Manuel Castro Lamas e Luciano Paz Pena.
Nos anos da alcaldía de Perfecto, a ONU condenou ó Réxime de Franco ”polo seu carácter fascista”. De feito será neste tempo cando se realice o amañado Referendum do 6 de xullo de 1947 para lexitimar o franquismo coa Lei de Sucesión. Tamén en San Sadurniño o SI resultou abrumador. A economía española terá que facerse autárquica e os produtos de primeira necesidade escasean. Son os tempos mais duros tras da Guerra Civil, os auténticos“anos da fame”, coas cartillas de racionamento, estraperlo e ganancias fáciles para os comerciantes que saben aproveitar o momento. O orzamento municipal non chega as 125 906 pesetas.
Perfecto comeza preocupándose polas escolas, xa que considera:“están abandonadas las clases por parte de los maestros y por falta de asistencia de los niños a clase” (14-10-45), mais non semella que se adopten medidas efectivas para mellorar a situación. Poucas decisións se toman baixo o seu mandato: alugar a sede do Xulgado comarcal a José Fernández Pita por 200 ptas anuais ou abrirlle un expediente a Juan Rilo e desestimar a súa reclamación para recuperar o posto de segredario do Concello, asunto que comezara xa nos tempos de Emilio Morandeyra.
Daquela, a Marquesa Natividad Quindós - que xa ten 85 anos- decide facer un “Gesto Patriótico” e agasalla ao concello cun solar na Bidueda entre Bidueiro e a estrada de Ferreira para facer un campo de fútbol. A corporación municipal presidida por Perfecto Calvo organízalle unha homenaxe o 8 de setembro de 1946. Mais a partires de 1947 a actividade municipal redúcese drasticamente ata niveis mínimos. Só se celebran tres plenos durante o ano 1947 e no 1948 Perfecto apenas frecuenta o Concello, sendo substituído polo tenente de alcalde Aquilino Montero Fojo.
Ao fin, tras catro anos na alcaldía sen facer gran cousa, o gobernador civil nomeará novo alcalde a Emiliano Calvo Couce o 3 de agosto de 1949.
Tras do seu paso polo Concello adicouse aos negocios familiares e a administrar ou vender o seu patrimonio, como o " Bar do Perfecto" e o “Muíño de Perfecto" en Cornide, a terceira parte da casa cuartel da Garda civil entre outros moitos solares rústicos e urbanos. Morreu na súa casa de Cornide o 15 de agosto de 1979 aos 93 anos.

  • Perfecto Calvo Fernández, alcalde

  • Sinatura de Perfecto Calvo

  • Casa e bar de Perfecto Calvo

  • Muíño de Perfecto

  • Perfecto Calvo e María Elvira Loureiro

  • Homenaxe á marquesa (La noche, 12-9-1946)

  • Cartilla de racionamento

  • Anuncio do referendum 1947

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, muiño, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente

Compartir en: