Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

empresas

Negocios, comercios ou empresas que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade no Concello de San Sadurniño: bares e tabernas, datos estatísticos, empresas agrogandeiras, empresas da madeira, empresas de servizos, empresas enerxéticas, emprendedor@s, mineiría

O final de "El cisne"

Bidueiro, San Sadurniño, 1995

Continuación de Inauguración da conserveira "El cisne"
En realidade, o proceso de peche da empresa "El Cisne" comezara en abril de 1991 no xuízo por "delito ecolóxico" no que a empresa conserveira foi condenada a abonar 40 millóns de pesetas ao empresario propietario da Piscifactoría de Narón. O lector interesado pode coñecer aquí a historia dos primeiros anos da factoría e o problema ecolóxico que ocasionou coa morte de máis de 50.000 troitas e algunhas leccións que se podían extraer deste accidentado proceso.
Para paliar as consecuencias negativas do xuízo e o monto da indemnización, a empresa "El cisne" cambia a súa denominación por "Riqueza gallega". O propietario, o gaditano Pascual Ortega, arrenda a fábrica a esta sociedade anónima fundada en novembro de 1991, na que figura como principal accionista José María Dapena Calvo; mais este vende a súa participación ao anterior propietario José Manuel Pascual Ortega, volvendo pois a propiedade ao grupo xestor de "El Cisne".
Neste apaño "financeiro" estará a cerna dos últimos e agónicos catro anos finais da empresa co propósito decidido de acadar a insolvencia económica e o peche legal da factoría.
No verán de 1991, cen traballadoras denuncian que a pesares de estar na temporada da pesca de atún, non se está a traballar a pleno rendemento por falta de materia prima e nin sequera se abonaran os salarios de xuño. Algúns medios de comunicación denuncian que mentres o goberno español concedéralle un crédito de 6.500 millóns de pesetas ao grupo Pascual Ortega para operacións internacionais, corrían rumores de que a conserveira estaba en situación de suspensión de pagos e mantiña unha avultada débeda coa Seguridade Social. Os plans da empresa eran a regulación de emprego e unha reconversión do proxecto empresarial reducindo a menos da metade o número de traballadoras.
O Comité de empresa deseña un plan de mobilizacións con manifestacións en San Sadurniño a fins de agosto de 1991 coa masiva participación popular e peche dos comercios locais. Mesmo o alcalde, Constantino Bedoya (PP) amósase preocupado polo perigo do cerramento da factoría, que suporía a perda de 200 postos de traballo: "Supón unha marcha atrás do ritmo que viña collendo o concello".
Mais si o proceso resultaba complexo, un novo factor vai a agravar aínda máis a crise da fábrica: o seu propietario, José Manuel Pascual Ortega, falece en agosto de 1993, o que complicará a agónica supervivencia da empresa. As autoridades locais e autonómicas que pretenden mediar no conflito non identifican interlocutores válidos nin aos novos propietarios legais, mesmo afirman que "a empresa é un caos".
Durante 1994, os traballadores sofren constantes retrasos no pago das nóminas; prodúcense numerosos paróns na cadea de produción pola escaseza de materia prima e en xeral percíbese unha deriva que semella conducir ao precipicio. O xulgado saca a subasta o solar no que se ubica a factoría.

En 1995 a situación tornouse xa insostible. Os 86 traballadores e traballadoras deciden desenvolver un calendario de mobilizacións para esixir un plan de viabilidade e a garantía dos seus postos de traballo cunha folga indefinida que incluía peches, presentación dunha moción no Parlamento da man de Francisco Rodríguez (BNG) e unha manifestación multitudinaria o 10 de abril dende a factoría ata a praza do Concello e a que asistiron todas as forzas políticas e sociais de San Sadurniño.
Mais o 19 de abril a fábrica recibiu un novo cargamento de bonito, prometendo o pago inmediato das nóminas atrasadas. A factoría recuperou a normalidade; porén, a empresa non cumpriu o seu compromiso, polo que as mobilizacións retornaron. O peche definitivo virá dez días despois, o 12 de maio de 1995 . Así rematou un dos grandes sonos industriais de San Sadurniño xunto cos fiascos de Papelga e Maffezini
O affaire de "El cisne" continuou aparecendo nos medios de comunicación con acusacións políticas cruzadas de uns e outros ata o enxuizamento dos dous alcaldes , que viviron en primeira persoa o primeiro episodio da loita obreira da historia de San Sadurniño. Ambos resultarán absoltos en 1997. O Concello mercará en 1999 o solar da factoría, onde se ubican hoxe varias empresas do poligono industrial.
E o Xuvia?. Á altura de maio de 1997 o río volvía a ser o que sempre foi: un paraíso de beleza e vida.

  • O final de "El cisne"

  • Protestas das traballadoras. LVG: 19.7.1991

  • Os planes da empresa LVG 13.8.1991

  • Manifestación de traballadoras de "El cisne" .LVG 30.8.1991

  • A empresa "El cisne" non acepta a indemnización.LVG 29.1.1993

  • Presión social sobre "Riqueza gallega" LVG 23.3.1993

  • "Riqueza Galega" convoca aos Sindicatos. LVG 6.8.1993

  • A empresa "El cisne" é un caos. LVG 29.10.1993

  • Subasta do solar de "El cisne". LVG 17.5.1994

  • A guerra do bonito afecta á factoría. LVG: 4.8.1994

  • Non se paga á plantilla. LVG 20.8.1994

  • Anuncio de folga indefinida LVG: 4.4.1995

  • Encerro da plantilla de traballadoras de "Riqueza Gallega". LVG 6.4.1995

  • Manifestación de traballadores de "Riqueza Gallega". LVG 11.4.1995

  • Esixen pago de salarios. LVG 27.4.1995

  • Peche defiitivo da factoría "El Cisne". LG 13.5.1995

  • Trampas legas. LVG 28.5.1995

  • O alcalde culpa ao exalcalde LVG.16.5.1005

  • O comité de empresa critica ao alcalde Bedoya. LVG 17.5.1995

  • Enxuizamento dos dous alcaldes LVG 6.6.1997

  • O ró Xuvia volve a recuperarse LVG18.5.1997

  • Leccións e consecuencias da sentenza de "El cisne".5.1.1992

  • Os dous alcaldes absoltos 23.9.1997

  • O concello merca o solar de "El cisne". 30.11.1999

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, empresas agrogandeiras, tecnoloxía, naturezas, ríos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: