Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Juan Pillo, alcalde

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1848

Alcalde de San Sadurniño (1848-1849).
O 30 de xaneiro de 1848 o gobernador Civil do Partido Moderado nomea un novo goberno do Concello presidido por Juan Pillo veciño da parroquia de San Sadurniño, quen xa fora o depositario municipal con Justo Álvarez Sierra, rexedor con Antonio Sisto e concelleiro nos comezos da actividade municipal con Manuel Azcona. Os seus compañeiros de corporación seguirán a ser pequenos propietarios e comerciantes afíns ao partido moderado: Antonio García, 1º tte alcalde; Manuel Ribera 21 tte (Lamas); Pedro Canosa (Monte); Ramón Casal (Ferreira); Vicente Soto; Antonio Castro; Pedro García (Lamas); Fermín Formoso (SS); Francisco Canosa (Bardaos); Jose Moure, síndico (Igrexafeita); José Gregorio Beceiro (Monte); José Dopico; Pedro Soto (Naraío). Alcaldes pedáneos: Andrés Grandal. ( Ferreira); Manuel Rodríguez (Monte); Antonio Mera (Naraío); Francisco Valcárcel (SS) e Vicente Rico (Bardaos). O secretario segue a ser Manuel Azcona. Todos xuran “defender el bien procomunal, sostener la contribución de la monarquía de Isabel II, guardar y hacer obedecer las leyes del gobierno”.

O goberno moderado pretende restaurar as relacións coa Igrexa Católica á que se busca desagraviar cun Concordato, por mor da desamortización de Mendizábal. O achegamento a Igrexa ten un fiel reflexo no Libro de Actas municipais, cando se solicita aos curas párrocos que fagan “piadosas rogativas para implorar el auxilio del santísimo para que tenga feliz y prometedor término la necesidad de la iglesia católica y las tribulaciones del pastor universal”. Estase a referir ao problema do Papa Pío IX na revolución italiana de 1848, quen tivo que fuxir disfrazado de monxe e solicitar a axuda de varios países europeos para ser reposto na sede papal. Outro bo exemplo do novo clima político a prol da Igrexa será o informe municipal elevado ao Intendente da provincia apoiando un escrito do párroco de San Sadurniño para que non se venda o abandoado mosteiro do Rosario. Nese informe apúntase a posibilidade de instalar o Concello e as escolas nunha ala do Convento, o que se fará realidade en 1863.
Non haberá moitas novidades no bienio de goberno de Juan Pillo. Continúa o problema dos repartimentos e a dificultade de crear unha estrutura fiscal nun concello tan extenso e disperso. De novo non se poderá pagar os arbitrios á Facenda pública xa que “por la cosecha del año anterior, muchos vecinos se hallan agobiados y no le era posible a la mayor parte satisfacer la contribución territorial”. De feito, a corporación dispón que se abonen as débedas coa facenda provincial cos fondos que o concello tiña destinado aos camiños (abril 1849). A función dos concellos neste tempo de goberno autoritario é "calar, obedecer e...pagar".
Por outra banda, a crise de tesourería obriga a deixar de subscribirse ao “Boletín Oficial del comercio” porque non o considera útil e “porque no hay quien se dedique a leerlo y en razón de estar demasiado gravado en todas las contribuciones”

Outro poblema crónico, o das escolas, comeza tímidamente a afrontarse nun territorio cun elevado índice de analfabetismo. En 1849 solicítase aos veciños que habiliten un local en cada parroquia para que poda impartir escola o mestre de San Sadurniño durante tres horas nos días festivos. O alcalde ordena que se fagan listaxes de nenos de 7 a 14 anos con expresión de si son pobres, medianos ou ricos. Os máis ricos deberán pagar un ferrado de trigo anual por cada neno ou nena. Os medianos medio ferrado e os pobres nada. Si non hai trigo poderá ser millo. Era o que se chamaba “escolas de ferrado”. A escola ten vacacións coincidindo cos labores agrícolas nos meses de maio, xuño, xullo e agosto.
Tamén se arrestará aos que anden á pedir -“pordiosando”- polas rúas sen licenza municipal ou que sexan doutro distrito. As licenzas eran expedidas polos párrocos dacordo coas xuntas parroquiais determiñando a quén hai que darlle as licenzas Prohíbese expresamente que os nenos menores de 14 años anden “pordioseando” e que “estos sean sostenidos por los más pudientes de cada parroquias y no permitir que pidan limosnas por ninguna parroquia y sin tener el oportuno certificado para pordiosear”.

O día 2 de xaneiro de 1850 por mandato gubernativo, Juan Pillo pásalle o endebedado bastón do Concello ao administrador do Marqués Justo Álvarez Sierra, no seu segundo mandato. Mais Juan Pillo continuará relacionado coa xestión municipal como concelleiro da súa equipa de goberno (1850-1854). O seu sobriño Domingo Pillo será alcalde en 1873 nos tempo da Primeira República.

  • Juan Pillo, alcalde

  • Sinaturas de concelleiros de Juan Pillo 1849

load

Documentos:

Escolas de ferrado

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), xente, escola

Compartir en: