Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Mariano Quindós y Tejada, VI Marqués de San Sadurniño

San Sadurniño, 1822

VI Marqués de San Sadurniño (1822-1900)
José Mariano Francisco de Sales Quindós y Tejada, (Ferrol, 29/1/ 1822- Madrid, 18/4/ 1900). Fillo póstumo de José María Quindós y Quiroga e María Segunda Tejada y Eulate, é o XVI Señor e VI Marqués de San Sadurniño dende o mesmo día do seu nacemento na ferrolana rúa Dolores. Era un neno sumamente rico dende o berce. Estuda dereito na facultade de Compostela. Ao rematar a Universidade en 1843, con 21 anos, foi a Madrid coa súa familia nomeado por Isabel II -recén coroada- como “Gentilhombre de Cámara”. Axiña destacará na Corte polas súas maneiras, o seu virtuosismo co piano, mais sobre todo pola lealtade á Coroa e ao goberno conservador de Narváez. A súa presenza era habitual en festas e celebracións da Corte real, sendo ademais parella de baile da Raíña Isabel II. O 31 de maio de 1851 casou nunha luxosísima voda con Fernanda Villarroel y Goicolea (1827-1873), Vizcondesa de la Frontera e Grande de España, sendo padriños da voda os Reis de España. O matrimonio viviu en Madrid toda a súa vida, agás algúns veráns que se achegaron por Ferrol e San Sadurniño. O marqués pasou un mal momento en 1873, ano no que se proclamou a República española e no que tamén falece a súa muller en Bayona e catro meses despois, José Quindós o seu fillo primoxénito.

O Marqués comprendeu moi cedo que os novos aires do liberalismo pechaban definitivamente o sistema de privilexios hereditarios do Antigo Réxime e que compría adaptarse aos novos tempos, polo que axiña meteuse en política dentro das filas do Partido Moderado de Narváez sendo elixido Deputado por Ferrol en 1851 con 29 anos polos 150 electores censitarios do distrito de Ferrol. Dez anos máis tarde, en 1861 , será nomeado senador pola súas abondosas rendas.En 1862 as rendas líquidas das súas propiedades aportábanlle 106.964 reais netos por ano. Actuou sempre a prol dos grupos mais conservadores do seu tempo: a nobreza, a xerarquía eclesiástica ou militar e os grandes contribuíntes do Reino. Amigo e persoa da máxima confianza de Isabel II e de Alfonso XII, militou activamente nas filas do partido conservador alfonsino (partidarios da restauración borbónica no trono). Tamén foi Alcalde de Madrid (1865), Caballero da Real Maestranza de Ronda, Caballero da Gran Cruz da Orde de Carlos III, portavoz e xefe da Casa de S. A.Infanta D. Cristina" (1875-1886) e Senador vitalicio por mandato expreso de Alfonso XII ata a súa morte en 1900.
José Mariano Quindós sempre foi membro activo da clase aristocrática e apoio incondicional de Cánovas del Castillo, quen asistíu á voda da súa filla en 1886. Asemade o seu irmanastro era Ministro de Ultramar. Defendeu dos intereses da fidalguía, segundo proban os constantes conflitos forais que mantivo cos labregos que traballaban as súas terras espalladas por toda Galicia. (Documento anexo con todas as súas propiedades). O mais tristemente famoso dos preitos forais do marqués tivo lugar en Mugares-Toén (Ourense) no 1896, ano no que morreron varios labregos, tras dun enfrontamento aberto das forzas da orde pública coas xentes da parroquia.
En definitiva, o Marqués representa un deses todopoderosos caciques do XIX que marcan o tempo e a vida nun territorio, onde todo debía gravitar arredor da súa señorial vontade. Segundo recolle José Villaamil y Castro, o Marqués de San Sadurniño aínda “gozaba del derecho de que se le recibiera o fuera a buscar a su casa bajo palio y penetrar en la iglesia”. Tamén foi impulsor do ferrocarril Ferrol-Xixón, e de feito, xunto co seu xenro, foi un dos responsabeis de que a estación de tren se ubicara fora do centro urbano do Concello, así como da carretera ao pazo, que dende 1906 leva o seu nome. Comezou a visitar asiduamente o pazo dos seus devanceiros coa mellora das comunicacións e a inauguración do tren de Madrid a Coruña en 1883. O proceso de reforma do Pazo iniciouse en 1882 e a partires de 1887 virá todos os veráns coa súa familia ata 1899 o derradeiro verán da súa vida. Nomeadamente para cazar na súa inmensa fraga.
Os "asuntos" de San Sadurniño foron xestionados polos seus "administradores", homes próximos ao poder local como alcaldes, párrocos ou funcionarios municipais. Os seus administradores durante o século XIX foron os tamén alcaldes José Santamaria (¿-1842) e Justo Álvarez Sierra (1843-1871); o párroco do Val, Manuel Adán García (1872-1881); Miguel Ferreiro López (1882-1885); José García Calvo (1886-1889); o secretario municipal Antonio López Torrens (1889-1894) e o párroco de San Sadurniño, Felipe Calvo (1896-1918). O seu segundo fillo herdeiro, Fernando de Quindós morre en 1884, polo que o título do marquesado pasará a súa filla María Natividad Quindós, nacida en 1861.
Os últimos anos do século XIX viaxa con frecuencia a Ferrol e restaura completamente o Pazo familiar. Algúns anos recibiu homenaxes das "forzas vivas" de Ferrol como a recepción de 1883. O marqués acompañado pola súa filla e xenro veñen a San Sadurniño todos os meses de xullo e marchan en setembro. A derradeira estadía foi en 1899, uns meses antes do seu falecemento.
O VI Marqués morrerá en Madrid o 18 de abril de 1900 aos 78 anos. San Sadurniño celebrará un multitudinario funeral o 12 de maio e o Concello de Ferrol poralle o seu nome a unha Praza no casco vello da cidade.
Podes descargar varios documentos con información sobre a vida do VI Marqués de San Sadurniño e algún cotilleo procedente do Pumariño.
Ilustración: Cadro de José Mariano Quindós y Tejada, pintado por Salvador Martínez Cubells, "De pie, medio cuerpo. Uniforme de gala con banda al mérito civil"(1867).

  • José Mariano Quindós y Tejada, VI Marqués de San Sadurniño

  • Fotografía oficial do Senado

  • Esquela

  • Necrolóxica do Marqués (La Época 26.4.1900)

  • Pazo do VI Marqués de San Sadurniño en Madrid (Rúa San Bernardo 18)

  • Cotilleo do marqués (Pumariño, 1981)

  • Esquela de Fernando Quindós (La correspondencia, 30-4-1884)

  • Manuel Aguirre de Tejada, irmanastro do Marqués e ministro de Ultramar

  • Morte da muller do Marqués (La correspondencia, 21-8-1873)

  • Derradeira estadía do Marqués en Galicia. Correo, 13 de setembro de 1899

  • Nomemento de alcalde de Madrid."La época", 26.6.1865

load

Documentos:

Breve historia do marquesado de San Sadurniño
Propiedades e rendas do marqués de San Sadurniño en 1862
Carta do Duque da Conquista informando da morte do Marqués
Biografía do VI Marqués de San Sadurniño
Partida de bautismo do VI Marqués
Do Pazo ao Senado. Sangue fidalga na oligarquía hispana. Xavier Brisset. Anuario brigatino.2012

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), tren, Señores de San Sadurniño

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: