Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

José María Javier de Quindós e Pardo de Andrade, XIII Señor e 4º Marqués de San Sadurniño

Ferrol , 1762

XIII Señor e 4º Marqués de San Sadurniño (1753-1811).
Debeu nacer no Pazo de Baltar en 1737, sendo fillo de José Jacinto Quindós y Reinoso de Andrade e Josefa Cayetana Pardo de Moscoso (1711-1762).
De todos os Señores de San Sadurniño este foi un dos máis lonxevos, pois exerceu como Marqués por máis de 50 anos. Aínda que será en 1762, á morte da nai Josefa Cayetana, cando oficialice o expediente do título nobiliario como vinculeiro do Morgado familiar. Pasou casi toda a súa vida en Ferrol xunto cos seus irmáns, que ingresarán na Mariña Real, desenvolvendo unha longa traxectoria no exército: Juan Quindós, chegará a ser Xefe de Escuadra da Real Armada con 53 anos de servizo e Pedro de Quindós, tamén foi oficial da Mariña Real. As súas irmáns, Josefa Antonia e Maria Antonia, casarán adecuadamente con homes de posición como era pertinente entre os aristócratas do século XVIII.

Durante o marquesado de José Maria Javier incrementarase o morgado familiar coa herdanza do Pazo de San Xusto de Quindós por renuncia da súa tía Antonia Gabriela Quindós quen profesara como novicia no Mosteiro das Donas. Mantén os títulos do morgado familiar: Vizconde de Cerdido, dono dos Pazos de San Sadurniño, Baltar, San Clemente, Piñor, Mugardos, e Soutomaior; dono dos castelos de Quindós, Mezquita, Troncoso, Cerdido e Somozas, ten xurisdición sobre Portiel, San Fernando, San Vitorio, Meroy, Santisteban, Pedroso, Sta Mariña do Monte, Ferreira, San Pedro de Meixide, Coaña, Sedes, Ameixide, Trasancos, Orosa, Otea, etc.

Casou coa rica vinculeira Benita Neira e Ulloa coa que non tivo fillos. Mais volverá a casar en segundas nupcias en 1789 aos 52 anos coa súa sobriña, Ana Quiroga e Quindós, filla da súa irmá Maria Antonia de Quindós. A familia pasará algún verán en San Sadurniño, pero sobre todo frecuentarán o Pazo de Baltar e será en Ferrol onde se ubique a verdadeira casa familiar. Froito deste matrimonio serodio nacerá o herdeiro do morgado, José María de Quindós y Quiroga, V Marqués de San Saturnino (1792-1821).

Pola súa relevancia social e económica, axiña ocupará cargos distinguidos na cidade departamental como rexedor -dende 1766- e será un dos prohomes da cidade que, daquela, era a máis populosa de Galicia. Na súa casa ferrolán recibían visitas de persoas sobranceiras do ámbito militar, eclesiástico ou social. San Sadurniño pouco representará na vida do Marqués, agora que xa é unha das familias máis poderosas de Ferrolterra. Son os tempos da decadencia do solar e o pazo orixinario do marquesado, para se converter nun simple territorio onde os seus apoderados recollen as rendas que sufragan o seu elevado nivel de vida. .

A pesares do seu inmenso patrimonio, o Marqués atravesará varios episodios de falta de liquidez, por mor dos constantes preitos -xa iniciados polos seus pais- cos caseiros das terras que posúe espalladas por Galicia e nomeadamente co Convento do Rosario, como por exemplo o famoso preito contra os frades pola obriga de ir a buscalo baixo palio o día do Corpus ou -de non estar- ao seu mordomo. José María Javier de Quindós debeu ser un aristócrata prototípico do Antiguo Réxime, convencido da súa ilustre linaxe e férreo defensor dos seus privilexios de clase. Para xestionar a administración do morgado precisa de seis mordomos que apenas dan abasto segundo confesa en 1775: "Los gastos de su Casa son inmensos por la distancia de sus mayorazgos (Quindós (Lugo), Bierzo, Ourense, etc) y que precisa de seis mayordomos e muchos criados que van y vienen y suponen el dispendio de mucho caudal; las dotes para la boda de sus hermanas y sustento de sus dos hermanos en el ejército". Engade ademais: "que los años de pésimas cosechas provocaron la resistencia del pago de las rentas en el Bierzo." Outra das teimas do Marqués será a recuperación do título dos seus devanceiros como "Aguacil Mayor e Rexedor perpetuo" da cidade de Ourense. Non temos novas de que investira as rendas en actividades industriais, mellora de infraestructuras ou das condicións de vida de San Sadurniño, senón mais ben en donacións a igrexas ou directamente no luxo familiar. O Marqués aparece como doador para a Capela do Hospital da Caridade e á Igrexa conventual de San Francisco, xa iniciada pola súa nai Cayetana Pardo, que dispuña en exclusiva dun espazo acoutado por unha tarima coa súa reja con pechadura, reservado para a familia e criados e dous nichos na Capela Maior onde foi enterrada en 1762. O uso deste privilexio ocasionou un sonado preito a fins do século XVIII

Nos tempos da Guerra contra dos franceses coa ofensiva do mariscal Soult de comezos de 1809, o vello Marqués -pois ten 72 anos- forma parte da Junta de Tranquilidad y Pacificación - presidida por Francisco Javier Melgarejo, capitán xeral do departamento marítimo de Ferrol que "rinde" a cidade ao exército de ocupación francés, tras dunha leve resistencia inicial

Fillo:
José María Quindós y Quiroga. XIV Señor e 5º Marqués de San Sadurniño
Na ilustración, Igrexa de San Francisco en Ferrol, favorecida polos Marqueses de San Sadurniño.
..

José María Javier de Quindós e Pardo de Andrade, XIII Señor e 4º Marqués de San Sadurniño

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Señores de San Sadurniño, Convento do Rosario, Pazo da Marquesa, outros lugares

Compartir en: