Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Int/Casa"

San Sadurniño, 2017

4ª Chanfaina Lab (6). Estrea venres 17 de marzo do 2018.
Directora: Olaia Sendón
Colaborador: Alberto Fortes Novoa
Sinopse:"Por dous días, veciños e veciñas de San Sadurniño, abriron as súas casas á miña cámara. Eu correspondín capturando o son da miña vida cotiá e xuntos construímos un novo espazo"
Colaboradores: Ana Gundín, Carmen Castro, Montse Gabeiras, Manuel Varela, Fran Bermúdez,
Duración: 9' 08''
Gravada en varias parroquias de San Sadurniño, dentro do programa da 4ª Chanfainalab.



Olaia Sendón (Ourense, 1978), é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña dende o ano 2002. "A Casa de Lola de Andrés" (2006), sobre a especulación inmobiliaria, supuxo a súa primeira incursión no documental. Con esta peza inaugurou tamén unha serie de curtas sobre a memoria da Costa da Morte, da que forman parte "Os fabulosos irmáns da luz" (2007), sobre os espazos de cinema desaparecidos, e a longametraxe "Crebas", unha visión do mar a través das cousas que chegan á ribeira. En 2009 realizou "Catálogo de galaxias sociais", vídeo que acompaña ao disco Kosmogonías, de Berrogüetto. No mesmo ano naceu "Pequenas superficies", unha aproximación ao universo das pequenas tendas de barrio. Seguindo no eido da multidisciplinariedade, creou en 2012 Kaufland Mo , unha web, instalación e longametraxe documental que gañou o VIII premio de novos valores Auditorio de Galicia. Entre os seus traballos recentes destacan as videocreacións "The Gaze of the Beachcomber", seleccionada para formar parte do Gstaadfilm Festival (Suíza) e do SeeMor Festival (Gales), e "Mijau", escollida polo Curtmetratges Gandules organizado polo CCCB de Barcelona e tamén polo Festival Internacional de Cine Independiente de Elche e pola Festa de Antropologia, Cinema e Arte (FACA) de Lisboa. Pódense ver moitas obras de Olaia Sendón na súa canle de Vimeo

Olaia partía doutra idea para facer a súa peza da Chanfainalab, mais ao final tirou por desenvolver unha das teimas da súa traxectoria como cineasta: os espazos, a memoria e o devalar do tempo nas cousas; nesta ocasión gravando os interiores de diferentes fogares de San Sadurniño: "No Chanfainalab ábrensenos as portas dun lugar, dun espazo e dunha xente para que a través do noso traballo acheguémonos, aínda que sexa por unha fin de semana, en certa medida a súa realidade. Eu quería levar isto un pouco mais alá, entrando no máis íntimo territorio da veciñanza: a súa casa. Por iso gravei os interiores das casas daqueles que xenerosamente me deixaran entrar e entre todas construír un espazo común".

En principio, "Int/Casa" semella unha peza experimental máis que documental. Olaia Sendón coa colaboración do arquitecto Alberto Fortes, constrúe o seu relato a través de belísimos planos estáticos das estancias de varias vivendas de San Sadurniño. Os lugares e os obxectos cotiáns sucédense na cinta completamente baleiros, mais acompañados polos sons gravados pola cineasta en distintos momentos da súa propia vida diaria -moitos deles compartidos co seu bebé-. Imaxes e sons procedentes de fontes diversas cobran nova vida e constrúen unha nova visión dos espazos: "Despois de ver as imaxes obtidas nesa fin de semana de rodaxe dinme conta que pouco máis quedaban que nunha mera formalidade estética, unha composición fotográfica coidada nun bodegón carente de vida, en realidade faltaba a presenza do ser humano. Dubidei moito qué facer ao respecto e din cun diálogo que me gusta moito: sobre as vivendas de San Sadurniño expuxen a miña propia intimidade, a miña casa, os meus sons, para que xuntos construiramos un só lugar, habitado e vivo". Así pois, dispoñámonos a deixarnos levar por unha peza contemplativa, unha evocación do que nunca somos quen de ver cando paseamos polo "exterior" das casas. Mais de seguro que, no devalar do tempo, os obxectos cotiáns e as vivencias a eles asociadas que se amosan no filme –incluídas as da propia cineasta- acadarán a categoría clásica de memoria documental, de historia vivida nun tempo e nun lugar do mundo.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.

  • "Int/Casa"

  • Alberto Fortes e Olaia Sendón

  • Na fotografía oficial da 4ª Chanfainalab

  • Interior Casa de Olaia Sendón

  • Alberto e Oliver Laxe

  • Ana Breijo na súa casa

  • Olaia na "Eira de cineastas"

  • Olaia gravando no interior dunha casa

  • Alberto e Olaia na Eira de cineastas

  • Olaia na estrea mundial de "Int/casa"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: xente, visitantes, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Olaia Sendón

Vídeos:
A casa de Lola de Andrés
1,2,3 rodando
Os fabulosos irmáns da luz

Compartir en: