Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"E fíxose a luz"

A Lobeira (Santa Mariña do Monte), 2018

5ª Chanfaina Lab (15). Estrea venres, 24 de maio do 2019.
Dirección: Fran Bermúdez
Colaboradores: Inolita López Rodríguez e Manuel Rodríguez Martínez (1927-2019)
Sinopse:"Inolita da conta da chegada da electricidade ao lugar da Lobeira, en Santa Mariña do Monte a comezos da década de 1960."
Duración: 4' 05''
Gravado en A Lobeira (Santa Mariña do Monte) do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab.


Francisco Bermúdez (Ferrol 1978) é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional, un auténtico home-orquesta. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu sono, pois –tras 2.000 días de mar- visitou 40 países e 86 cidades. Casou e foise a vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia na parroquia de Monte: “Vivo na Lobeira”. Boa proba da súa teima cinéfila foron as súas pezas realizadas nas anteriores Chanfainalab: "Quixera" (2015), "Sentimentos" (2016) e "O inxerto, a bicicleta e o helicóptero" (2017). No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos”, que estará aberta ata o verán do 2019 no que retornará definitivamente Á Lobeira. Dende hai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións sempre dende o humor retranqueiro e a creatividade. Na súa videobitácora A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade, moi gabada en diferentes medios de comunicación.

Para a cuarta participación na Chanfainalab, Fran da Lobeira tirou dese xa grande arquivo de referencia e gravado ao longo de varios anos sobre a súa patria de adopción, á que Fran denomina a "Casa con maiúsculas, o Fogar". Desta vez partiu dunha longa entrevista coa veciña Inolita da Lobeira na que conta cómo chegou a luz a Santa Mariña do Monte: "Seleccionei o anaco. A conversa está xa practicamente presente en "A Lobeira Today" a falla duns cantos temas que non dan para un vídeo completo. Como dificultades atopeime con que só tiña unha camara compacta -a que a colle de fronte- e unha cámara de acción -a que colle o lateral-, e co telefono gravei o audio có único micrófono de solapa que tiña. Cero iluminación, tirando só dos fluorescentes da súa cociña e ao ter roto o trípode, sen posibilidade de estabilizar tomas e facer uns bos ángulos. Non creo que esta peza teña ningunha referencia formal, aínda que ao mellor, en concepto, pensei moito nalgúns traballos de Antón Caeiro. Tentei facer un “title hide” -non con moito éxito- ao principio, e logo darlle un formato similar á peza anterior de Luís usando como nexo a chegada da panadeira. Logo, a falada foi gravada de corrido, 45 minutos de metraxe nos que me meteu caña, e contoume moitas anécdotas, como cando ían buscar a ración na posguerra, do caldo galego tradicional, de cando emigrou a Francia e de xente da Lobeira e moitas cousas máis.."

"E fíxose a luz" é un testemuño de vida vivida, e que podemos considerar como a continuación doutro filme producido nesta Chanfainalab:"Electra", xa que Fran achéganos a chegada da luz a unha pequena aldea arredor de 1960 e o que significou para a veciñanza en primeira persoa, neste caso dende o punto de vista dunha vitalista veciña da Lobeira. Inolita lembra o importante que foi aquela innovación que cambiaría para sempre a vida no rural. Como fai sempre Fran, o humor e a retranca son o aderezo final das súas pezas, así como o amor e respecto polas persoas que entrevista. Tamén participa brevemente Manolo Rodríguez, falecido o 6 de maio aos 92 anos, o que acredita a urxencia e trascendencia do rexistro da historia oral, destas cápsulas de memoria viva, independentemente das súas condicións de gravación: “A verdade que mirado dende agora, paréceme mellorable na súa gravación, na súa iluminación e moito máis guionizable, pero có que tiña, coma sempre fixen o mellor que puiden. O importante é o que contan e que a memoria non se perda. Iso si, se acerto a saber que había pezas de 20 minutos, podería ter metido máis contos dos que me contou. Pero bueno, xa estou pensando na miña próxima participación na Chanfaina, na que cambiarei por completo de terzo." Moitas grazas por traballar contra a amnesia e o esquecemento e agasallarnos con esta "pilula de verdade". Dende a Chanfainalab estamos convencidos de que a "cabeciña que ferve" de Fran -sen dúbida o mellor cineasta da Lobeira- haberá de sorprendernos -e moito- nos tempos futuros.
Como non puido asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de Cultura de San Sadurniño enviounos este videosaúdo dende Brunssum:



  • "E fíxose a luz"

  • Fran da Lobeira na 4º Chanfainalab

  • Fran saudando na estrea mundial de "E fíxose a luz"

  • Carátula de "A lobeira Today"

  • Inolita da Loberira

  • Imaxe de "E fíxose a luz"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Santa Mariña do Monte, tecnoloxía, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Fran Bermúdez

Vídeos:
"Quixera"
"Sentimentos"
"O inxerto, a bicicleta e o helicóptero"

Compartir en: