Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Domingo Pillo Alonso, alcalde

Agra de Arriba, San Sadurniño, 1873

Alcalde de San Sadurniño (1873-1874)
O 24 de agosto de 1873, as eleccións municipais democráticas convocadas polo goberno da Primeira República Federal, impuxeron como alcalde ao veciño de San Sadurniño de 45 anos Domingo Pillo Alonso, sobriño do tamén alcalde en 1843 Juan Pillo. Nas eleccións, celebradas a mediados de xullo, votaron por vez primeira os maiores de 21 anos. Domingo Pillo substituía democráticamente a Nicolás Redondo. Domingo nacera en 1828 en Agra de Arriba. Fillo de Domingo e María, debeu ser un home liberal e republicano convencido, pois xa fora pedáneo pola parroquia de San Sadurniño en 1868 e liderara unha revolta contra os repartimentos municipais do alcalde Vicente López.
A corporación republicana está composta por novas caras e mesmo varios concelleiros que non saben ler ou escribir: Domingo Pico Permuy, 1º tte alcalde; Antonio Beceiro Lamas, 2º tte alcalde; Andrés Sabín Rodríguez; Vicente Castro Castro, síndico (Ferreira); Antonio García Rodríguez (Igrexafeita); José Casal Fandiño; José Rey Fernández, interventor de fondos municipais; Andrés Durán López; Luís Formoso Seco; Manuel Luaces Méndez; Vicente López López; Tomás Cobelo Fernández (Lamas).
O depositario de fondos municipais será Juan Couce Díaz e o xuíz municipal Antonio García. Os plenarios celébranse os domingos as 9 da mañá.

Aos catro meses de iniciarse a alcaldía de Domingo Pillo, un golpe militar rematou de facto coa experiencia democrática republicana. O seu breve tempo de goberno local -un ano-, resultou inestable polas numerosas baixas, nomeadamente de moitos pedáneos dimisionarios. Asemade, o alcalde non exerceu o cargo a pleno rendemento por mor de varias baixas por enfermidade, sendo substituído por Tomás Cobelo.
Dende o comezo impulsa un proceso de revisión e auditoría de todas as contas municipais de 1864 a 1872, como por exemplo os repartimentos de 1869 que “es público su fraude y fuente de conflictos entre los vecinos del distrito”. O pleno esixe que se fagan públicas as contas deses anos con todos os concursos de arrendamentos de contribucións e que se explique en qué se gastou o diñeiro, chegando a acusar ás anteriores corporacións de malversación de fondos públicos e de "traer a miseria ás arcas municipais"; mais faltan numerosos documentos administrativos ou probas documentais, porque o estado da xestión económico-administrativa ata 1872 a cargo do ex-secretario Jesús Ricoy é "lamentable".
O Concello sen o recursos dos impostos de consumos ten cativas fontes de financiación. Cando o Goberno da Ditadura de Serrano decida a súa reimplantación, dende a alcaldía considerase que os impostos de consumos de “comer , beber y arder” que pagan todos os veciños son inxustos, mentres se lle baixan aos máis ricos. Por iso modifica a composición das Xuntas periciais que establecen os impostos locais. Mais á altura de marzo de 1874 o balance é desalentador: “La mayoria de los vecinos se hallan sumergidos en la calamidad y la miseria”-. De todos os xeitos, páganlle aos mestres de San Sadurniño os meses que se lle adebedaban. En abril de 1874 o gobernador civil de Coruña pide "caridade" para socorrer aos feridos da guerra civil carlista e o Concello organiza unha comisión para recadar fondos para axudalos.
Este será un mal ano para o Marqués de San Sadurniño. Gran parte dos seus amigos aristócratas están en Paris, conspirando polo retorno da monarquía. O marqués terá o seu particular anno horribilis, no só por ver a súa amada raiña Isabel II no exilio e o goberno de España en mans de "perigosos republicanos". En xullo de 1873 morre en Bayona a súa muller, Fernanda Villarroel, Vizcondesa de la Frontera e catro meses mais tarde o seu fillo primoxénito José Quindós.
O 24 de setembro de 1874 volve a ser alcalde Nicolás Redondo. Daquela, o recente viúvo Marqués de San Sadurniño estaba a participar xa activamente na conspiración do chamado "partido alfonsino", para restaurar aos Borbóns no trono de España na figura de Alfonso XII. Domingo Pillo falece solteiro e sen herdeiros, na súa casa de Agra de Arriba o 28 de outubro de 1885 aos 57 anos por unha apoplexía.

  • Domingo Pillo Alonso, alcalde

  • Sinatura de Domingo Pillo

  • Esquela de Fernanda Villaroel, marquesa consorte de San Sadurniño (La correspondencia 21-8-1873)

  • Subasta dos bens de Domingo Pillo 16 de marzo de 1887

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: San Sadurniño (Concello), Alcaldes de San Sadurniño, xente

Compartir en: