Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Causa contra Juan Rilo Rodríguez

San sadurniño, 1937

O golpe militar franquista en xullo de 1936 non aparellou represalias físicas sobre os veciños e veciñas de San Sadurniño ou a corporación municipal republicana. As mediacións e informes do párroco de San Sadurniño, Daniel Porto; o párroco de Igrexafeita, Manuel Gesto, e Juan Rodríguez Rabanal, sarxento da Garda civil daquela, parece que salvaron algunhas vidas, como no caso de Juan Rilo que será detido meses despois de comezar a guerra en febreiro de 1937.
Juan Rilo Rodríguez nacera en Cambre o 22 de xullo de 1904. Foi o Secretario municipal de San Sadurniño durante a 2º República, dende agosto de 1931 na alcaldía de Vicente Castro Naveiras, ata a súa destitución o 10 de setembro de 1936 co novo alcalde Pelayo Casal . Juan Rilo apoia ás organizacións republicanas de signo moderado, primeiro na ORGA para logo militar no aínda mais moderado "Partido de centro democrático" con Leandro Pita Romero. Abonda con ver o seu apoio ao goberno dereitista de Lerroux tras da Revolución de Asturias de 1934 para comprobar o seu talante conservador e "de orde". (Ver Doc 1, doazón de Juan Rilo). Por outra banda, os seis fillos de Juan Rilo estudaban no colexio relixioso das "Hijas de Cristo Rey" de San Sadurniño.
A pesares do golpe militar, Juan Rilo seguirá a traballar como funcionario municipal. Ainda que, ante o cariz que tomaba o golpe militar solicitou un par de meses de permiso "por colecistitis" a comezos de setembro para tomar as augas de Guitiriz. Mais o 4 de febreiro de 1937 é detido. O 15 de marzo celébrase un consello de guerra sumarísimo que lle acusa de organizar dous mitins no Campo da Feira o 18 de xaneiro de 1936 -campaña electoral de febreiro de 1936-, de ter no seu despacho un retrato de Azaña o día 26 de xullo; de participar activamente nos actos do Referendum do Estatuto Galego -era a súa obriga como funcionario-, e por último de arengar aos obreiros no Campo da Feira contra a sublevación militar de xullo do 36. O fiscal solicita a pena de morte. Foi condenado a cadea perpetua o 19 de marzo de 1937, ingresando na cárcere de Celanova. Mais saíu en liberdade condicional en 1941 rehabilitado completamente, acadando liberdade definitiva en 1945.
En 1944 solicita o seu reingreso no Concello de San Sadurniño, con varias reclamacións en anos posteriores, mais os sucesivos alcaldes Emilio Morandeyra e Perfecto Calvo non admitirán as reclamacións.
Podes ver no documento anexo algunhas páxinas do seu proceso e cómo funcionaba a “xustiza” no bando vencedor da Guerra Civil.
Juan Rilo reingresou como funcionario municipal. En 1955 era Secretario do concello de Vilaboa. En 1970 trasládase a Pontecaldelas.
Na ilustración, portada da Causa contra Juan Rilo Rodríguez no Arquivo Militar de Ferrol (por cortesía de Bernardo Máiz).

  • Causa contra Juan Rilo Rodríguez

  • Nova coa liberdade de Juan Rilo (El compostelano, 10/1/1941)

load

Documentos:

Doazóns do Concello de San Sadurniño tras dos sucesos de 1934
Causa contra Juan Rilo (1937)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: guerra, San Sadurniño (Concello), conflitos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: