Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Carta do Teleclube de San Sadurniño a Fraga Iribarne

San Sadurniño, 1976

O Ministro de Información e Turismo da Ditadura franquista (1962-1969), Manuel Fraga Iribarne, promovera a creación de teleclubes por toda España para "fomentar" as actividades culturais -e de paso a propaganda do franquismo- arredor da nacente TVE. En 1969, Francisco Caldas Lara, párroco de San Sadurniño de 1963 a 1970, habilitara os baixos da reitoral do convento do Rosario para o funcionamento do Teleclube de San Sadurniño. Así foi como naceu unha asociación que vai revitalizar o adormecido San Sadurniño nos derradeiros anos da ditadura franquista. O teleclube foi un dos escasos recunchos da cultura local neste tempo; obras de teatro con Antonio Parra, biblioteca, conferencias esporádicas no claustro do convento, etc. No teleclube participaban as persoas mais inquedas do pobo, mais estaban vixiadas con certa reticencia polas autoridades franquistas locais como o alcalde Santiago Secada á cabeza-. Pola súa directiva pasaron xentes como José Luis Sanjurjo Sixto, Antonio Parra Mourelle, Jesús o mestre, Paco de Salvador, Avelino e Regina Cinza , Vitucho e dende 1971 o novo párroco Ramón Díaz Raña entre outros.

Morto o ditador Francisco Franco en novembro de 1975, semellaba que ao fin "chegara" a democracia; a Xunta Directiva do Teleclube liouse a manta a cabeza planificando unha cobizosa semana cultural para a primeira semana de xaneiro de 1976, na que figuraban relevantes persoeiros da vida cultural galega: Xosé Chao Rego quen disertaría sobre o dereito a vida, a liberdade de pensamento e relixión; Eduardo Blanco Amor sobre a cultura galega; Xavier Alcalá sobre a comparación entre as realidades de Galicia e Cataluña; o dereito á educación corría a cargo de Mariano Guizán e o dereito ao traballo e un salario digno por Camilo Nogueira. A semana de conferencias culminaría o 6 de xaneiro cun concerto de Miro Casavella. Un programa de luxo para "inaugurar" a democracia en San Sadurniño.
Mais os voluntariosos organizadores decataríanse axiña que os tempos da democracia aínda non "eran chegados". Nun principio pensaron facer a "Semana cultural" sen permiso previo,"porque parecíanos que xa cambiaran os tempos e corrían outros ventos; pero como neste pobo multaron a varios labregos da Hermandade de gandeiros por facer unha xuntanza, collemos medo e pedímosllo ao goberno civil." Mais as autoridades provinciais vanlle dando largas e trabas burocráticas á solicitude do permiso, ata que reclaman "que nos sean remitidos los contenidos íntegros de las conferencias que se van a impartir". Os organizadores -un tanto amolados- deciden entón anular a celebración da "Semana cultural", ademais de escribirlle unha moi retranqueira carta a Manuel Fraga, -agora ministro de gobernación do goberno de Arias Navarro- e publicada en La voz de Galicia o 8 xaneiro de 1976: "A nós caésenos a cara de vergonza e non temos atrevemento para pedirlle a un conferenciante o texto enteiro do que van dicir aquí. Fiámonos del. Ademais se nos mandan o texto xa aforraban de vir eles aquí e nós podíamos ler as folliñas detrás do lume. Mais cómodo era, dende logo. Pero vostede comprende - e por iso lle escribimos- qué diferente é escoitar e preguntar, falar e dialogar, que non simplemente ler".
Todo o contido da carta é un magnífico exemplo das dificultades que tiña o exercicio das liberdades de expresión e reunión nos comezos da transición. A carta finaliza cun desexo e unha petición ao Ministro Fraga Iribarne: "Soñamos en que logo chegará o día en que onde hoxe non atopamos mais que tropezos, atopemos axuda e alento. Faga algo Sr. Ministro para que isto non tarde".
Ilustración "Carta do teleclube de San Sadurniño a Fraga Iribarne" facilitada por Vitucho

  • Carta do Teleclube de San Sadurniño a Fraga Iribarne

  • "Carta do teleclube de San Sadurniño á Fraga Iribarne". La Voz de Galicia do 8 xaneiro de 1976.

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, San Sadurniño (Concello), xente

Autor/a: Ramón Díaz Raña

Compartir en: