Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Cando ruxe o formigueiro"

Igrexafeita, 2017

4ª Chanfaina'Lab (15). Estrea venres, 18 de maio do 2018
Director: Abel Vega.
Sinopse: "Retrato da vida salvaxe nun formigueiro de Igrexafeita".
Duración: 10'32”
Gravada nos días 2 e 3 de setembro do 2017 na parroquia de Igrexafeita dentro do programa da 4º Chanfaina' Lab.



O veciño de Igrexafeita Abel Vega xa nos sorprendera nas últimas edicións da Chanfainalab coas súas creacións audiovisuais. Abel traballou arreo durante toda a vida como albanel, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, cunha curiosidade sen límite, aos seus 60 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como él mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que pode coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, nos que mira coa cámara todo o que lle resulta familiar, en definitiva, todo canto o envolve. Aprendemos xa a facer pan, descubrimos os muíños de Igrexafeita, as pedras do Forgoselo ou as fervenzas do Río Castro, imaxes e sons que perpetúan a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita e tamén da Serra do Forgoselo da que é un auténtico erudito.

Nesta edición, Abel quixo mudar de rexistro. En lugar de facer as videocartografías da parroquia ás que nos ten acostumados, pretendeu afondar na vida dos animais mais pequeniños do seu entorno despois dun tempo cavilando sobre o tema do seu filme: "Dinlle moitas voltas ao qué ía facer este ano, e quixen cambiar o meu estilo. Un día fun coa muller ata o Forgoselo para coller setas, mais eu andaba un pouco fastidiado e quedei na pista. A cinco metros había un formigueiro e estaba a pasar unha formiga que transportaba un enorme grilo morto. Viña polo carreiro, camiñando con moita dificultade, pero o que me chamou a atención foi que, deseguida apareceron dúas formigas máis para axudala, porque case non podía con animal. As tres foron loitando co grilo ata chegar á "casa". Era incrible ver que animais tan pequenos fulminan a outros que lle dobran en tamaño para ter garantida a despensa no inverno. Debín botar alí, pasmado, máis de media hora. Entón foi cando pensei, ben podería facer un vídeo desto". Así que Abel agarrou a súa “cámara do Alcampo que me custou 99 euros” e a ratos foi localizando e gravando a vida salvaxe dun formigueiro, nun tempo de gravación total que calcula en "máis de dous días enteiros"

"Cando ruxe o formigueiro" é un documental apaixoante que engancha de principio a fin; realizado ao xeito clásico, cun off "abeliano" no que amosa a complexidade social das formigas, un microcosmos ao que normalmente non lle prestamos atención cando andamos polo monte. O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade, desa mirada limpa e do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida insiste en que vexamos o seu documental como unha metáfora da vida: "Recomendaríalle a quen se encontre un formigueiro, que se pare a miralo e se marabille do ben organizadas que están, porque é todo un espectáculo velas traballar. Como choian todas no mesmo sentido para non pasar necesidades no inverno e cómo axudan a eliminar os pequenos insectos da natureza." Reflectir a autenticidade e a verdade: este é o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante. A cabeza non lle para: "En realidade xa teño case decidido o asunto que vou facer o ano que ven, estoulle a dar voltas para ver cómo fago".
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón

  • "Cando ruxe o formigueiro"

  • Abel Vega na 4ª chanfainalab

  • Con Bieito no obradoiro de María Yañez

  • Abel coa rapazada no obradoiro de María Yáñez

  • Abel no Obradoiro de Juan Lesta e Belen Montero

  • Abel con Carmen Bouza no obradoiro de Juan Lesta e Belen Montero

  • Abel Vega na foto oficial da 4ª Chanfainalab

  • Foto de grupo do obradoiro de Juan lesta e Belen Montero

  • Abel vega na "Eira de cineastas"

  • Abel no xantar da chanfaina en Lamas

  • Abel Vega na expo fotográfica de Gabriel Tizón

  • Abel Vega na estrea da 4ª Chanfainalab

  • Abel entre o público da premiere da 4ª Chanfainalab

  • Abel Vega na estrea mundial de "Cando ruxe o formigueiro"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, creador@s, Igrexafeita, naturezas, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Abel Vega Vega

Vídeos:
muiño dos gaiteiros
Maña cocemos
Pena dos tres pes

Compartir en: