Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"ABatida"

Santa Mariña do Monte, 2017

4ª Chanfaina'Lab (18). Estrea venres, 8 de xuño do 2018
Directora: Anxos Fazáns.
Sinopse: "Xuntamos texto e imaxes, poesía e cine, creando un mapa inesperado de sensacións. Unha cartografía da vinganza onde as feridas máis fondas, coma as rabuñadas nas defensas traseiras dos coches, pasan desapercibidas"
Poeta: Nuria Vil
Deseño de son: Víctor Rivas
Cadela: Doris
Duración: 4' 45”
Gravada nos días 2 e 3 de setembro do 2017 na parroquia de Monte dentro do programa da 4º Chanfaina' Lab.



Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992). Graduouse en Comunicación Audiovisual pola UVigo e posteriormente estuda o Máster de Dirección de Cine na ESCAC. Continúa complementando a súa formación con diferentes cursos, seminarios e obradoiros. Traballa todo canto pode como axudante de dirección, segunda axudante e script en diferentes curtas e longametraxes. Ademais escribe, dirixe e edita os seus propios proxectos en diferentes formatos. Destacan as curtametraxes “Direcciones”, “Nacer en Septiembre” e "Area", seleccionadas no Festival de Cans ou Zinebi entre outros; os videoclips para bandas galegas como Pelusa e os Vacalouras ou a webserie “Fame” , gañadora do Premio á mellor webserie en lingua galega no Carballo Interplay 2015. Aos seus 25 anos ven de rematar a súa primeira longametraxe de ficción:“A Estación Violenta” que se está a proxectar nestes días nas salas cinematográficas do estado.

Anxos achegouse a San Sadurniño acompañada por Nuria Vil, filóloga, poeta e activa axitadora da "Asociación 85C de mulleres artistas". As dúas mozas viñeron ata a Chanfainalab un pouco á aventura, sen unha idea clara do que ían facer: "Quixen colaborar coa poeta Nuria Vil e construír unha peza na que a poesía e a imaxe fosen da man, sen que ningunha das dúas destacase por riba da outra. Tiña que ser polo tanto unha experiencia compartida e de descubrimento. Non comezamos cun texto en mente, senón que nos achegamos ata San Sadurniño para ver a onde nos levaba. Os ladridos duns cans chamaron a nosa atención, falamos co seu dono, eran cans de caza. Nun impulso preguntamos cando ían de caza, como e con quen. Seguimos o rastro ata lograr unirnos á seguinte batida de xabaril. Atraeunos o descoñecido, o diferente, o poucas veces retratado. Xurdíronos moitas preguntas entorno ás ideas previas que cada unha tiña da caza e decidimos descubrilo dende dentro. A sensación de curiosidade e certa proximidade ao perigo resultounos fondamente poética.Queriamos violencia, non simbólica, senón sangue, vísceras e persoas con ollos escuros e baixos que non fosen quen de manter a mirada. Atopamos xusto o contrario (con algunha excepción, coma sempre). Non sei se alguén entenderá que non sentimos impacto de máis, pasados 5 minutos, estando nun grupo de vinte homes armados, se será complicado comprender que sentimos o desexo de ver morrer o xabaril, cando menos de escoitar disparos próximos e unha certa sensación de perigo. Aqueles cazadores pintaban no chan con xiz o cerco quilométrico do xabaril e o punto exacto onde cortar o rastro. Doris, adestrada, ladraba constantemente para ventar. Ceibábana a 8 metros exactos de corda apenas tensa. Non morreu nada aquel setembro, pero nos si aprendemos a trazar unha estratexia de busca, o mesmo cós cazadores do animal, dalgunha ferida xa esquecida na memoria. Non morreu nada aquel setembro, mais eu comecei a asasinar certos recordos borrosos e a deixar ceibos outros desexos que desacordara."

"aBatida" é pois un videopoema compartido, un haiku visual, construído a partires de sensacións agromadas nunha batida de caza, na que a nerviosa procura da cadela Doris pola natureza salvaxe de Monte, sérvenos de fío para reflectir os universos persoais das cineastas, como os latexos da cidade que enxergan os versos de amor, desamor e vinganza. A cineasta pontevedresa mantense fiel ao seu estilo visual a base de planos curtos, pegañentos e por veces salvaxes, que evolucionan nun aparente caos: "Esta é unha peza de experimentación e de busca, un proceso de encontro entre a palabra e a imaxe, un choque co noso lado animal, impulsivo e salvaxe. Un pequeno espazo no que todo o erróneo se converte en poético. Sucidade, axilidade, rabia e tensión." Así pois, invitámosvos a deixarvos levar polo "mapa inesperado de sensacións" compartidas por unha cineasta e unha poeta; e de paso, recomendamos que non deixedes de ver estes días nas salas de cinema "A estación violenta", a primeira longametraxe de Anxos Fazáns. É a persoa máis nova que acada un fito similar -estrear comercialmente unha longametraxe- na historia do audiovisual galego. Parabéns dende "Fálame de San Sadurniño".
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón

  • "ABatida"

  • Anxos Fazán na chanfainalab

  • Nuria e Anxos na "Eira de cineastas"

  • Nuria e Anxos na foto oficial

  • Anxos e Nuria na "Eira de cineastas"

  • "De batida" (1)

  • Anxos e Nuria "De batida"

  • "De batida" ( 2)

  • "De batida" (3)

  • Doris

  • "De batida" (4)

  • Nuria e Anxos no xantar de Bardaos

  • Anxos e Nuria na charla de Oliver Laxe

  • Nuria e Anxos coas youtubers labregas de "Teño unha horta en San Sadurniño " e Manolo

  • Nuria na expo de fotos da Chanfainalab

  • Anxo Fazáns na premiere de "Abatida"

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: animais, poesía, Santa Mariña do Monte, Chanfaina'Lab, vídeos

Autor/a: Anxos Fazáns

Vídeos:
"Area" (trailer)
"Nacer en septiembre"
"Direcciones"
"A casa que me mora"
"A Estación Violenta" (trailer)

Compartir en: