Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

patrimonio

Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,

"A Marquesa e o Pazo"

Outeiro, 2019

6ª Chanfaina'Lab (28). Estrea sábado, 11 de abril do 2020
Realización: Anxo Santomil.
Musica: "Believe" de Alicia Sevilla e "Third Awakening" de Project Divinity
Sinopse: "A Marquesa e o Pazo" é un anaco da historia de San Sadurniño en animación fotográfica 3D. Unha peza construída a partir do minucioso traballo de investigación e de recuperación de escritos e fotografías nas 133 historias publicadas sobre o Marquesado de San Sadurniño, na web Fálame de San Sadurniño. Fontes visuais que fan memoria do pasado, que conseguen traer ao presente os recordos da historia e situarse no ámbito da construción da identidade"
Duración: 13' 26”
Gravada en Outeiro durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab


Anxo Santomil (Santiago 1952) é un artista polifacético e comprometido coa arte e o cinema galego dende a súa mocidade. Estudou Filoloxía Inglesa. Artista plástico e deseñador, ten participado en numerosos filmes galegos dende a mítica “Sempre Xonxa” (Chano Piñeiro, 1989), ata un bo número de pezas realizadas nos últimos anos como freelance. Impulsor e coordinador de “Telegroucho”, unha das primeiras experiencias de TV local en Galicia. Foi co-fundador e secretario da Federación de Cineclubes de Galicia; director das Xornadas de cine e video do Carballiño e tamén coordinou o proxecto "Cinemas dixitais" entre outras innumerábeis actividades de promoción, difusión e produción relacionadas co audiovisual galego e portugués. No ámbito da creación, xa dende os anos 70, traballou coa fotografía estereoscópica aérea na elaboración cartográfica para a Phelps Dodge. Ademais de participar en producións do audiovisual galego, actualmente está a realizar numerosos traballos de animación fotográfica 3d (parallax effect), simulación de efecto tridimensional a partir de imaxes convencionais, relacionados coa arquitectura e obras pictóricas que poden visualizarse na súa canle na rede

Anxo veu a San Sadurniño cun proxecto xa moi definido e parte do traballo de investigación feito. A súa bonhomía e xenerosidade adiantaba na promo que realizou para 6º Chanfainalab as súas características. Impartiu con gran éxito un obradoiro de fotografía 3D a varios veciños e veciñas. A fin de semana da Chanfainalab pasouna localizando e gravando coa única axuda das vellas fotografías: "A escolma de fotos seleccionadas revelan os plácidos veráns que a aristocracia española gozaba nas súas visitas a San Sadurniño a principios do século XX: paseos pola fraga, partidas de tenis, lecturas ao fresco, merendas campestres, faladoiros nas terrazas... allea á pobreza e ás penurias ás que se vía sometido o labrego do entorno a consecuencia do poder señorial que exercían os Marqueses de San Sadurniño. Escenas que amosan as actividades do catolicismo radical da Marquesa: procesións, entrega de agasallos aos nenos na "Feira do catecismo", as lembranzas de Manolo Rico, un neno recollepelotas da Marquesa, unha historia da investigadora Margarita Sánchez ou un poema escrito por Dores Tembrás. Un camiño de regreso das imaxes actuais, tal máquina do tempo. Os negativos en cristal recuperados son a base das fotografías da época utilizadas no proceso de transformación de imaxes convencionais en imaxes tridimensionais utilizando a técnica do paralelaxe ou mapeado (parallax effect ou parallax animation) que permite a reconstrución do espazo fotográfico e ordenar os distintos planos en distintos niveis de profundidade, un recurso que nas orixes da produción cinematográfica Georges Méliés usara nos decorados pintados a modo de set. Máis tarde, métodos semellantes foran postos en práctica na rodaxe do filme "King-Kong", onde unha miniatura era colocada entre dúas placas de vidro, unha por diante e outra por detrás, para crear a ilusión de profundidade. O mapeado actúa de maneira similar, aínda que ocorre nun entorno virtual e non en lugar físico ou real como aquel outro."

"A Marquesa e o Pazo" é unha extraordinaria viaxe no tempo que utiliza a tecnoloxía dixital para recrear o universo privilexiado no que viviu Natividad Quindós y Villarroel no seu Pazo de San Sadurniño. Anxo, como un demiúrgo dixital vai engadindo segundos de vida a instantes de espazo-tempo conxelados nun papel. Un inxente esforzo de animación e posproducción que lle levou arredor das 500 horas de traballo e no que reconstrúe con moita fidelidade o esplendor do Pazo e os seus xardíns cando era un lugar visitado por selectas personalidades do primeiro terzo do século XX: ""Este procedemento permíteme xerar un discurso visual híbrido, entre a animación e a cinematografía, que aporta novos horizontes non só fronte á tradicional concepción das fontes fotográficas no eido da memoria histórica senón, tamén, nas execucións pictóricas, como noutros traballos que fixen sobre "Goya, Manet, Picasso" e "Atila en Galiza. Galiza mártir". Nesas curtas tento expresar a influencia dunha das primeiras obras da Arte Moderna, "O fusilamento do 3 maio", nas obras de denuncia da crueldade dos conflitos bélicos noutros artistas". A peza é un espectáculo total e unha experiencia visual inmersiva; case máxica; pero mais aló da súa capacidade sensorial, o talento e o compromiso de Anxo Santomil consegue poñer en valor a investigación e o arquivo como soporte de traballos sobre a memoria histórica e as posibilidades que ofrece para a divulgación colectiva. @s que levamos anos traballando en Fálame sentímonos profundamente agradecidos, porque pezas como "A Marquesa e o Pazo" acreditan que o noso traballo pode ser moi útil para a actualización e difusión da memoria histórica. Grazas Anxo polo teu esforzo.
Fotografías de Cesar Galdo

  • "A Marquesa e o Pazo"

  • Anxo Santomil na 6ª Chanfainalab

  • Anxo Santomil na sesión preparatoria da 6ª Chanfainalab

  • Anxo ao fondo na prantación do castiñeiro da 6ª Chanfainalab

  • Anxo Santomil na fotografia oficial 6ª Chanfainalab

  • Anxo na "Eira de cineastas"

  • Anxo cos veteranos do obradoiro de fotografía D

  • Ambiente do obradoiro de fotografía 3D

  • Anxo, profe da rapazada no obradoiro de fotografía 3D

  • Práctica do obradoiro de fotografía 3D

  • Anxo e o alumnado no obradoiro de fotografía 3D

  • Alumnado alucinando coas pezas 3D de Anxo

  • Imaxe 3D do templo da Veracruz de Carballiño

  • Anxo Santomil guapo artista visual

  • Anxo Santomil de profe do mocerío de Sansa

  • Anxo no obradoiro de fotografía 3D

  • Anxo no xantar da 6º Chanfainalab

  • Anxo no xantar da Chanfaina

  • Anxo no fotocall da 6º Chanfainalab

  • Tres grandes: Anxo, Cruz Piñón e Miguel de Lira

  • Anxo c@s cineastas da 6º Chanfainalab

  • Anxo e a súa "Lola Chafaineira"

  • Anxo Santomil na estrea mundial de "A Marquesa e o Pazo"

load

Comentarios

Ramón Díaz Raña

2020-04-17 12:04:49

Moi ben levado. Hai moito traballo detrás. Noraboa

Máis imaxes

Temas: lecer, naturezas, paseos, patrimonios, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño, vídeos, videocartografías, visitantes, Chanfaina'Lab

Autor/a: Anxo Santomil

Vídeos:
"Carballiño 1950-1967"
"O Barco, As imaxes da Memoria"
"Guernica 3D"
"O templo da Veracruz O Carballiño 1945-1960"
"Atila en Galicia. Galicia mártir"
"Goya, Manet, Picasso. Os horrores da guerra"

Compartir en: