Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"A Casa"

Outeiro, 2017

4ª Chanfaina Lab (1). Estrea venres 9 de febreiro de 2018.
Director: Carlos Eduardo Viana
Sinopse: "A casa convídanos a entrar na casa de Regina Cinza e Javier Íñiguez e a coñecer algunhas das súas memorias. É unha viaxe por momentos relevantes das súas vidas, polas lembranzas familiares, por un pasado ao servizo de causas. A casa é o teito que alberga todas esas memorias".
Fotografía e son: Miguel Arieira
Música: Saraibas
Colaboradores: Regina Cinza e Javier Iñiguez
Duración: 15' 50''
Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2017 en Outeiro, dentro do programa da 4ª Chanfainalab.



Carlos Eduardo Viana é un cineasta nado en Esposende (Portugal) de amplísima traxectoria como documentalista, programador e dinamizador cinematográfico no Norte de Portugal. Asemade ten dirixido numerosos documentais en Angola, Cabo Verde e por suposto en Portugal. Socio fundador e Presidente da Direcção da Associação de Produção e Animação Audiovisual "Ao norte" con sede en Viana do Castelo. Fixo Estudos Superiores en Cinema e Vídeo na Escola Superior Artística de Porto e posúe unha licenciatura en ensino. Coordinou a Oficina de Cinema e Audiovisuais do Centro Cultural do Alto Minho (1981 a 1994). Bolseiro do goberno francés, participou nos Ateliers VARAN (París), en dous laboratorios de cinema directo (iniciación e especialización). Coordina numerosas iniciativas pedagóxicas desenvolvidas por "Ao norte" na área do cinema e audiovisuais, os Encontros de cinema de Viana do Castelo, o magnífico portal e lugar de encontro da creación audiovisual na Internet Lugar do real e o Festival cinematográfico Filmes do homem de Melgaço, entre outras actividades desa procura incesante, paixón polo cinema e bonhomía tranquila que caracteriza a Carlos Eduardo Viana.

Carlos e mais o tamén cineasta Miguel Arieira achegáronse a San Sadurniño na procura dunha teima que agroma en gran parte das obras audiovisuais de Carlos, a memoria humana; como il mesmo subliña: "À medida que os anos van pasando, a memoria, as nosas memorias, van tendo unha importancia cada vez maior. Crúzanse, estabelecen ligazóns, sediméntanse, transfórmanse naquilo que hoxe somos. Algunhas desas memorias teñen unha pegada física, que pode ser unha fotografía, un obxecto do cotián, unha peza de mobiliario, un recuncho da casa... Dise xeito a casa, a nosa casa, vaise transformando no almacén das nosas memorias".. E nesta ocasión, o azar da Chafainalab levounos ata a casa familiar de Regina Cinza, xa coñecida polos lectores de Fálame e o seu home Javier, onde topou complicidade, agarimo e disposición para gravar o devalar da memoria familiar. A casa como entorno vital, narrada a través de obxectos con capacidade de evocación durante os dous días escasos de estadía que artella a Chanfainalab.

Así pois, a cámara de Miguel e Carlos pescuda pola “A Casa/memoria”, acariñando espazos, obxectos e lembranzas. A composición e posta en escea é clásica, moito respectuosa, enxergándonos coas persoas e obxectos da memoria filmada, ao servizo dos sentimentos que agroman das historias de Regina e Javier. O seu é un fogar de memoria que honra aos seus maiores a través de obxectos que utilizaron e sentiron como seus e que aínda viven na casa a pesares de que xa non estén vivos. A curtametraxe invítanos á reflexión pola coidada factura formal e ritmo pausado do retrato dun espazo vital a través do tempo: " a cámara invade a privacidade do lar e deíxase conducir polas persoas filmadas, procurando coñecelas a través do seu pasado. É unha viaxe moi curta, apenas algunhas horas de gravación, para lembrar un pasado que tamén é presente". Vemos a través dos obxectos amados como pinturas, fotografías, documentos e pezas varias que forman parte indisolúbel da vida dos protagonistas, mais tamén da historia contemporánea local. Porque os espectadores tamén podemos viaxar a través de Regina e Javier para lembrármonos feitos significantes da historia recente de San Sadurniño acontecidos nos difíciles tempos da transición (1970-1980), entre eles a pegada do párroco de San Sadurniño Ramón Díaz Raña, o nacemento do grupo musical Saraibas, o agromar da revista local Pumariño, os comezos da mítica xeira do Festival de música infantil Cantareliña, as actividades da Asociación Donas e Galáns ou a tradicional Noite das Pepitas de Ferrol.
Desfrutemos pois da “A Casa” como unha viaxe non só pola memoria familiar, senón como un percorrido pola propia historia da veciñanza de San Sadurniño; cómo simples obxectos dunha casa teñen a capacidade de evocar tempos e vivencias de todo un pobo.

Como non puido asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de Cultura de San Sadurniño, Carlos Viana enviounos este videosaúdo dende Viana do Castelo

Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.

  • "A Casa"

  • Carlos Viana na Chanfainalab

  • Miguel Arieira na Chanfainalab

  • Miguel e Carlos con Oliver Laxe

  • Presentando o ciclo Cinema rural Portugués.

  • A familia Iñiguez Cinza con Miguel e Carlos

  • Na casa de Regina

  • Carlos Viana

  • Gravación de "A casa"

  • Regina Cinza na súa casa

  • Carlos e Miguel no xantar da Chanfainalab

  • Miguel e Carlos gravan na casa de Regina

  • Videosaúdo de Carlos Viana na gala da estrea da 4ª Chanfainalab

  • Miguel e Carlos na fotogragía oficial da 4ª Chanfainalab

  • Carlos Viana e a Chanfainalab

  • Manolo, Miguel e Carlos na Chanfainalab

  • Carlos e Miguel no xantar da Chanfaina

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, familias, San Sadurniño (parroquia), Sagas, visitantes, vídeos, xente

Autor/a: Carlos Eduardo Viana

Compartir en: