Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

A banda do "Sopiñas" en Naraío

Naraío, 1821

Nunha noite de inverno, do 3 ao 4 de xaneiro de 1821, o labrego de Naraío Alejandro Meizoso topábase na súa casa ao quente do lume na lareira. Acompañábano a súa muller Josefa González, a cuñada Vicenta González e un fillo de curta idade.
De súpeto, petaron na porta e unha gavilla de ladróns irrumpiu na casa. Ían na procura dun botín de 16.000 reais que -segundo se dicía polas feiras da comarca- fóranlle doados por un tío á Alejandro Meizoso. Mais este negou que gardara diñeiro algún. Os bandoleiros non o creron e decidiron torturalo para que revelara o escondite. Solicitaron a Josefa González que lles suministrase aceite e ao non habelo na cociña, colleron manteiga de porco que colocaron nunha tixola e fixérona ferver. A pesares da súplicas da muller e o cativo, que postos de xeonllos imploraban clemencia, os bandoleiros levaron a Meizoso ata a corte, amarrárono no chan e botáronlle a manteiga derretida polas nádegas, o cu e o lombo, obrigando á súa muller a alumealos cun candil durante esta cruel tortura. Ao non poderlle facer confesar onde tiña o diñeiro, rexistraron a casa, sen topar nada de valor, e fóronse.

Aínda que pareza unha situación excepcional, o certo é que dende 1812 ata 1832 a veciñanza das aldeas e pobos dos arredores de Ferrol vivía aterrada por historias similares. As bandas de atracadores abundaban "ao norte do norte", como a de Somozas, a do Cazurro, a de Ventoselle e tamén a denominada Banda do Sopiñas aos que axiña sumaranse exclaustrados e carlistas que campaban sen control dende Ferrol ata Ortigueira e sen que o exército de Fernando VII ou os seus voluntarios realistas puideran facer algo para impedilo. No mesmo Naraío, o 30 de maio de 1830, foi atacado, roubado e golpeado o párroco Tomás López Otero.

Anos máis tarde, Alejandro Meizoso seguía a ser un labrego con terras de seu e certa fortuna, polo que será escollido para representar á Naraío na primeira corporación municipal do Concello de San Sadurniño. En 1832 -doce anos despois dos feitos-, León Pita Castro de Lanzós topouse na feira de Moeche con Alejandro Meizoso , a quen de súpeto mudóuselle a cor da cara e ao preguntarlle qué lle pasaba contestou "Que vou ter.. si aí van os que me sacrificaron"... mentres sinalaba a Manuel de la Cruz, comerciante ferrolán, e dous compinches e socios, o tamén comerciante de Ferrol, Victorio de la Peña e Juan Romero. Manuel de la Cruz tiña propiedades no Concello de San Sadurniño, pois mercara en 1820 case seis ferrados en Piñeiros por 3.000 reais, e en 1830 tamén mercara o lugar de Fontenla de Naraío por 498 reais.

En maio de 1832 acusouse formalmente a Manuel de la Cruz de seren o célebre "Sopiñas", capitán dunha banda de foraxidos que estaba a aterrar Ferrolterra. Na rolda de recoñecemento, as dúas irmás Vicenta e Josefa de Naraío identificaron ao comerciante ferrolán Manuel de la Cruz como "o xefe dos ladróns que torturaran a Alejandro Meizoso" doce anos atrás. Mais pouco antes de falecer, Alejandro Meizoso deixou dito no seu testamento que non estaba seguro de que o seu asaltante fose Manuel de la Cruz. O 5 de outubro de 1833 Manuel de la Cruz será condeado a morte nun Consello de Guerra. Mais a morte de Fernando VII e a amnistía da Raíña Rexente María Cristina fará que a pena capital lle sexa conmutada por 10 anos no penal de Ceuta.

Sobre a banda do Sopiñas e Manuel de la Cruz existen varias publicacións. Entre as máis salientabeis están "Las andanzas del Sopiñas: capitán de una gavilla de bandoleros ferrolanos" de Santiago Gonzalez.Llanos, que acredita a identidade de Manuel de la Cruz como xefe dos bandoleiros ferroláns e
"Manuel de la Cruz, alias Sopiñas, capitán de bandoleiros ou comerciante ferrolán?" de Manuela Santalla que reivindica a idea de que Manuel de la Cruz era inocente dos cargos do que lle acusan e fora denunciado falsamente por envexa dos comerciantes ferroláns.
Na fotografía, lugar de Fontenla en Naraío onde Manuel de la Cruz "o Sopiñas" era propietario.

A banda do "Sopiñas" en Naraío

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, Naraío

Compartir en: