Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

Iniciativas

Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.

5ª Chanfainalab

San Sadurniño, 2018

Durante a fin de semana do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 celébrase en San Sadurniño a 5ª edición da ChanfainaLab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semana unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Outro dos sinais de identidade da Chanfainalab é o de ser un" revolto de cousas diversas"; por iso procura a diversidade dos/as participantes segundo idade, sexo, formación ou experiencia d@s cineastas para que o encontro teña un tempo fecundo, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades. Entre os creadores/as que participan coa súa cámara nesta edición figuran autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño como o veterano cineasta de Igrexafeita Abel Vega (Igrexafeita, 1958), o "adoptado" na Lobeira Fran Bermúdez (Ferrol, 1978), e un grupiño de mozos como Bieito Beceiro (Bardaos) , Irene Beceiro (Santa Mariña,2000), Sebastián Rodríguez(Lamas, 1998), ou Ángela Arnosa (Naraío,1996); os nenos de Sansa Pablo Martínez (Sansa,2004), Catalina Rodriguez (Lamas,2004) ou Iago Lourido (Naraío, 2004); as xa famosas labregas de "Teño unha horta en San Sadurniño": Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza e as mozas de The Sungirls, Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo; tamén veñen novísimas cineastas ferroláns como Natalia Fernández (Ferrol,2000). Unha abondosa representación local da que nos sentimos moi orgullosos.
E por suposto, como nas anteriores edicións participan relevantes cineastas ou interesados polo cinema galego procedentes de distintos puntos da xeografía do país: o músico e documentalista burelés Adrián Canoura, o director de Meira e gran revelación audiovisual do ano Andrés Goteira; desde Celanova ven o dinamizador e experimentado cineasta Aser Álvarez, o ensaísta, músico e cineasta de Oleiros Cibrán Tenreiro, a parella de cineastas experimentais formada pola compostelana Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado, os novos directores de Cambre, Javier Seoane e Kevin Lorenzo, a directora viguesa Lucía Estevez, a profesora, ensaísta, documentalista e cineasta integral Margarita Ledo, a parella de artistas, músicos e cineastas das Rías Baixas Mar Catarina e Rubén Domínguez e dende Ourense o músico, director, documentalista e dinamizador Simone Saibene.

Ademais do Encontro de Cineastas e as proxeccións de venres e o sábado, desenvolvéranse dous obradoiros con entrada libre e gratuita
Venres 31: Carlos Suarez: "Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local"
Sábado 1: Alberte Branco: “Iluminación de andar pola casa”
O evento está organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboran as Asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña, Agadic e o Concello de San Sadurniño.

O cartaz está inspirado no cadro "O patriarca da fraga", pintado polo pintor Leyra Domínguez en 1949. O cadro fai referencia ao gran carballo que existía na inmensa fraga do Marqués de San Sadurniño nas beiras do Xuvia e onde a Marquesa Natividad Quindós e os seus aristocráticos invitados facían as veces merendas e pic-nics nos seus paseos dende o Pazo a rentes do río Xuvia. Aquí podedes consultar a historia do cadro.

Este será o programa oficial da V Chanfainalab:
Día 31, venres
10.00. Obradoiro “"Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local" na Casa de Cultura-Aula CeMIT, 15 prazas. Impartido por Carlos Suarez.
18.00. Recepción de cineastas participantes na Casa da Cultura
19.00h. Foto oficial
19.30–19.45h. Plantación dunha árbore na Cortiña
20.30.“Eira de cineastas”. Selección de pezas realizadas pol@s cineastas participantes.
22.30. Cea de benvida

Día 1, sábado
10.00. Encontro e gravacións cineastas
10.00 Obradoiro: "Iluminación de andar pola casa". Alberte Branco
14.30. Xantar da Chanfaina
20.30. Proxección: “Dhogs”, presentado polo director Andrés Goteira e o produtor Suso Lopez
22:30: Cea da Chanfaina

Día 2, domingo
10.00. Encontro e gravacións cineastas
15.00. Xantar da Chanfaina

Meses despois, a mediados de febreiro celébrase a estrea mundial das pezas producidas na 5º Chanfainalab.
Podes seguirnos o acontecer do evento no:
- Facebook da Chanfaina'lab
- Facebook do Concello de San Sadurniño
- Web do Concello de San Sadurniño

  • 5ª Chanfainalab

  • cartaz chanfainalab 2018

  • Programa "Eira de cineastas"

  • Obradoiros chanfainalab 2018

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, creador@s, eventos, San Sadurniño (Concello), visitantes

Autor/a: Fálame

Compartir en: